Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2024 | Actualizada ás 18:14
Afundación recolleu máis de 17 toneladas de produtos non perecedoiros a través do seu programa social 'Cultura por alimentos', desenvolvido en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e os bancos de alimentos locais.
A Obra Social de Abanca anunciou o pasado día 30 que se sumaba ás iniciativas de solidariedade por mor da gravidade dos efectos ocasionados pola DANA.
Agora, e en base aos produtos recolleitos co citado programa desde entón, indica que "con todos os colectores desbordados de solidariedade, e tras o traballo de clasificación do voluntariado corporativo do persoal de Afundación ao longo de todos estes días, nas próximas horas organizaranse os transportes con destino aos bancos de alimentos das zonas prexudicadas e para quen se atopen en situación de maior vulnerabilidade".
"Con esta vocación solidaria, e sempre en acordo coas peticións trasladadas desde FESBAL", Afundación anima a todas as persoas a participar neste chamamento e achegarse a calquera do sete sedes da entidade na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra (no Café Moderno Afundación), Santiago e Vigo, onde poderán depositar os alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e limpeza.
Será nos colectores habilitados para o efecto de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.00 horas. Por outra banda, desde a entidade indican que estarán moi pendentes da evolución para analizar en cada momento, e coa vista posta no medio e longo prazos, as posibles accións de apoio que poida pór en marcha.
Pola súa banda, Abanca, mecenas único de Afundación, anunciou a doazón dun millón de euros que se distribuirán a través de Cáritas e Cruz Vermella Española. Tamén activou unha conta solidaria para todas aquelas persoas ou entidades que queiran facer donativos: ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.