Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2024 | Actualizada ás 19:31
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, avanzou que os socialistas galegos celebrarán no mes de decembro un comité nacional que convocará formalmente os procesos do Congreso.
Así o anunciou este luns na rolda de prensa posterior á reunión da dirección do PSdeG, tras a que sinalou que aínda non hai data para ese Congreso porque "ten que ser aprobado no comité nacional".
En todo caso, afirmou que será a finais de inverno ou principios de primavera pero, insistiu, decidirao o comité nacional galego que se celebrará en decembro, xa que "é quen ten a capacidade para facelo".
Tamén en clave interna, Torrado lembrou que este mes de novembro o PSOE celebrará en Sevilla o seu Congreso federal, no que participará unha delegación galega encabeza polo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.
A preguntas dos medios sobre a lista que representará á provincia da Coruña, na que non se incluíu a ningún membro do grupo socialista municipal e si da dirección local, o portavoz da Executiva destacou que se trata de "unha delegación provincial", esgrimindo que tampouco hai "representantes de todos os concellos".
"Creo que é natural entender que a representación provincial representa á provincia e non ás localidades como tal", insistiu antes de volver reiterar que "a representación é provincial".
"No caso das cuestións que correspondan a cada localidade, sexa a que sexa, terán que habilitarse os procesos naturais no plano local", resolveu.
DIÁLOGOS CON RAÍZ
Así mesmo, Julio Torrado explicou que o PSdeG continuará durante este mes coa serie 'Diálogos con raíz', conferencias e coloquios sobre cuestións de actualidade.
Así, detallou que no mes de novembro celebrarán tres debates "moi completos e con moitas mesas con expertos que non teñen afiliación directa co PSOE, pero que si pensan en Galicia", así como "con expertos de fóra".
En concreto, este sábado día 9, en Santiago de Compostela, haberá unha mesa de debate sobre financiamento e distribución de competencias; o día 16, en Pontevedra, falarán sobre igualdade; e o día 23, en Vilagarcía de Arousa, manterán unha mesa sobre vivenda na que tratará de "incorporar a Galicia modelos que se aplican con éxito noutros lugares".
CONDENA A VIOLENCIA EN VALENCIA
Por outra banda, o portavoz da Executiva socialista trasladou que na reunión mantida este luns falaron tamén da DANA que afecta a Valencia, unha situación que cualificou de "dramática e difícil" e sobre a que mostrou a "comprensión das dificultades" e as "tensións e angustias que a cidadanía sofre e que excede calquera percepción normal".
Nesta liña, recoñeceu o "intento de coordinación das administracións galegas" e subliñou a "capacidade de cooperación" de Galicia achegando "medios para limpeza e persoal para restaurar algo parecido á normalidade".
Tamén puxo o foco no ocorrido este domingo na localidade valenciana de Paiporta na visita dos reis, o presidente do Goberno e o president da Generalitat, e fixo un chamamento a que a cidadanía "entenda que non se pode validar a actitude desleal e lamentable de quen queren utilizar os dramas para facer populismo e aproveitarse da dor da xente".
"Aprovéitanse da dor da xente para obxectivos que nin sequera son políticos, por parte de forzas, especialmente desde a ultradereita, aproveitando a dor", lamentou.
Ao fío desta cuestión, Torrado dixo comprender "a angustia da cidadanía" e sinalou que "é necesario condenar a aqueles grupúsculos violentos e organizados que queren utilizar a dor dos demais para transmitir unha sensación de caos".
"Son absolutamente condenables eses feitos. Son, desde o noso punto de vista, claramente condenables. Sen pretender entrar en ningún outro debate, algúns dirixentes políticos en Galicia parece que vulneraron ese principio de que nunca é tarde se a dita é boa; para algúns se lles fixo moi tarde a capacidade para condenar esas condutas. Cremos que hai que ser un pouco máis áxiles e non mirar que se condena e que non se condena. A violencia é sempre condenable, sobre todo cando se aproveitan da dor da xente", puxo en valor.
Neste sentido, manifestou que se trata "dun ataque frontal contra un sistema lexitimado" e no que, insistiu, se debe "confiar". "Este país ten moitas persoas moi ben formadas tamén en situacións tan graves como esta. Deixémolas traballar, démoslles os recursos necesarios e non estendamos bulos, estender a violencia ou dubidar cando condenamos a violencia", aseverou Torrado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.