Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/11/2024 | Actualizada ás 18:19
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destinou tres millóns de euros para que 50 titulados universitarios galegos menores de 35 anos poidan acceder a unha formación práctica en comercio exterior, orientada a mellorar as súas capacidades e incrementar a competitividade das pemes galegas.
Trátase da resolución da última convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, unha iniciativa que desde a súa posta en marcha xa permitiu a formación de preto de 400 mozos galegos en mercados internacionais.
Segundo destacou a Xunta nunha nota de prensa, o programa reforza así a capacitación para a internacionalización de capital humano e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados, e "segue demostrando a súa eficacia" permitindo nesta ocasión aos bolseiros completar a súa formación "en destinos estratéxicos" no estranxeiro como Bogotá, Casabranca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapura, Tokio, Varsovia ou Iacarta.
Deste xeito, o Goberno galego subliñou que a iniciativa "contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos á vez que reforzan a súa formación práctica".
A programación das bolsas abarca o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estancias no estranxeiro como en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.