Ollo cos atascos que as obras na AP-9 poden formar no acceso ao Nadal de Vigo

Aquí tes toda a información para gozar dun aceso das luces na urbe olívica o máis cómodo posible.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 16/11/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A poucas horas do aceso das luces de Nadal en Vigo son moitas as persoas que ultiman xa a súa saída cara a cidade olívica e moitas outras as que xa saíron a primeira hora da mañá. Ao tratarse este ano dun acto programado para unha xornada de sábado, en lugar de para un venres, como aconteceu en anos anteriores, agárdase unha chegada masiva de visitantes que non queren perderse este evento que, dende fai xa un tempo, semella marcar o comezo da época festiva invernal en Galicia. O aforo na Porta do Sol, onde está instalada a grande árbore de máis de 44 metros, está limitado a 7.000 persoas, así que son moitos os que se afanan en chegar con suficiente marxe como para facerse con unha desas sete mil prazas. Xente de todos os recunchos de Galicia e tamén de fóra da nosa terra collen xa o coche concienciados de que entrar na cidade non será tarefa doada.

Centos de persoas asisten ao aceso das luces de Nadal 2023 de Vigo
Centos de persoas asisten ao aceso das luces de Nadal 2023 de Vigo | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Se o problema dos atascos foi algo co que xa se tivo que lidiar en anos pasados, neste 2024 hai un factor que fará que as retencións que se adoitan producir nas vías de entrada á cidade sexan aínda máis grandes: as obras na AP-9 en dirección A Coruña-Santiago-Pontevedra-Vigo. A autoestrada do Atlántico é a principal vía de entrada á urbe por transporte rodado, tanto para a xente que chega dende o norte de Galicia como para a que o fai dende o sur, Portugal e o interior. Sen embargo, os visitantes procedentes da provincia da Coruña atoparanse con que, ao chegar á altura do viaduto de Portas (Km. 112), a circulación queda limitada a un único carril. Ao tratarse dun tramo en obras, hai que reducir obrigatoriamente a velocidade. Deste xeito, as retencións que se poden formar nese punto concreto da AP-9 poden ser semellantes ás que xa se deron nalgunhas fins de semana de verán, neste caso en sentido Vigo-A Coruña, con xente que, chegada a noite, volvía dende as praias cara os seus fogares.

En concreto, segundo a información da propia concesionaria, Audasa, as obras no viaduto do Castro comezaron o pasado 16 de setembro, coa intención de "substituír os aparatos de apoio e suprimir as xuntas intermedias en ambos os taboleiros do viaduto". Estaban programadas en dúas fases "co obxectivo de minimizar as molestias aos usuarios da autopista, aproveitando os períodos do ano de menor fluxo e menor afección ao tráfico". Segundo expón na súa web Audasa, a primeira fase rematou o 31 de outubro, e era a que afectaba aos vehículos en sentido A Coruña. Durante a mesma permaneceu cortado un dos carrís da estrada para que os obreiros puidesen traballar nel durante a noite, de 21.00 a 7.00 horas. A segunda fase é a que está tendo lugar nestes momentos, no sentido oposto, en dirección Vigo. Igualmente estase cortando un dos carrís para que os obreiros traballen no viaduto entre as 21.00 e as 7.00 horas. Lonxe de ser algo que terá pronto remate, o certo é que estes labores se estenderán ata o 20 de decembro, é dicir, que a circulación polo AP-9 en sentido Vigo quedará limitada neste tramo a un único carril durante practicamente toda a antesala do Nadal vigués.

RECOMENDACIÓNS PARA VEHÍCULOS

Para aqueles que logren entrar na cidade, recoméndase non deixar o coche en zonas céntricas, pois, aínda que os cortes de tráfico comezarán ao redor das 17.00 horas, logo dificultaranse as saídas dos vehículos xa estacionados, pois non rematarán ata as 23.30 horas. Así, para os condutores que cheguen dende a AP-9 recoméndaselles que tomen a saída de Isaac Peral ou Buenos Aires. Os vehículos que circulen polas rúas Sanjurjo Badía, García Barbón e Arenal poderán optar polos túneles de Arenal-Beiramar e para chegar a Teis poderán transitar pola Avenida de Beiramar. A rúa Coruña cara Praza de América e Gran Vía será a recomendación para os que transiten en dirección Travesía de Vigo. Para aqueles que procedan de Praza España e queiran chegar ata a zona de Beiramar, poderán facelo a través de Gran Vía cara Praza de América e rúa Coruña.

Distancia andando ata o centro dende os diferentes puntos da cidade
Distancia andando ata o centro dende os diferentes puntos da cidade | Fonte: Concello de Vigo

Ademais, tal e como se recolle no plan de mobilidade xa publicado na web do Concello de Vigo, recoméndase aos vehículos que circulen polo centro urbano que non superen a velocidade de 10 quilómetros por hora e que traten sempre de favorecer a prestación do servizo de transporte público urbano. E, dentro dos aparcamentos disuasorios gratuítos e ao aire libre destacan o do Castro-Paseo Rosalía de Castro, en superficie e con capacidade para 140 coches, a uns 15 minutos camiñando da zona centro; e a algo máis de media hora camiñando: o Parking Lalín, tamén gratuíto e ao aire libre, con capacidade para 150 vehículos; o Parking do Alcampo de Coia, das mesmas características e con 98 prazas de aparcamento; o Parking Castrelos, en superficie e gratuíto, con capacidade para 118 coches.

RECOMENDACIÓNS PARAS PEÓNS E PARA ACCEDER Á PORTA DO SOL

Como a cidade acollerá un gran número de persoas, tamén dende o Concello emitiron unha serie de recomendacións para a circulación peonil. En xeral, recoméndase que as persoas camiñen pola beirarrúa dereita no sentido da marcha e que, se queren achegarse a puntos alonxados, opten sempre por ir en transporte público ou, de ser posible, a pé. Así mesmo, as persoas que queiran vivir o aceso na Porta do Sol ás 20.00 horas deberán acceder á praza dende Doutor Cadaval, Carral, Policarpo Sanz ou Príncipe. Para aquelas que non desexen estar na praza ou que non poidan entrar unha vez completado o aforo de 7.000 persoas, instalarase unha pantalla no Farol de Urzáiz e outra en Policarpo Sanz para seguir o acto. O acceso para persoas con mobilidade reducida á zona reservada deberá facerse por Doutor Cadaval.

O peche do recinto comezará a facerse ás 15.00 horas, restrinxindo o paso en toda a área a excepción dos corredores perimetrais para a circulación peonil xeral. Dende as 17.00 horas comezarán os controis de aforo nos puntos de control, onde se levará a conta do número de persoas que están facendo entrada na Porta do Sol para asegurar que se cumpra co aforo máximo permitido. Ás 18.00 horas o acceso ás zonas perimetrais do recinto quedará restrinxido aos residente e espectadores do Teatro Afundación. Xa ás 18.05 horas terá lugar a apertura dos puntos de acceso denominados 'Entrada' permitindo o ingreso do público xeral ata acadar ese aforo máximo de 7.000 persoas. 

INFORMACIÓN SOBRE OS CORTES DE TRÁFICO

Excepto garaxes e aparcamentos: Rúa de Porlicarpo Sanz, rúa de Darío Álvarez Blázquez, rúa da Reconquista entre as rúas Marqués de Valadares e Policarpo Sanz, rúa de Velázquez Moreno entre Príncipe e Marqués de Valadares, rúa Plaza Compostela entre Velázquez Moreno e Colón, rúa Arenal entre Pontevedra e Colón, rúa Concepción Arenal cara Colón, rúa Hernán Cortés entre as rúas Urzaiz e María Berdiales; excepto garaxes e aparcamentos e transporte público: rúa García Barbón entre as rúas Alfonso XIII e Colón, rúa de Colón; excepto transporte público: rúa de Urzaiz entre a avenida de Gran Vía e a rúa Uruguay, avenida Gran Vía ascendente entre as rúas de Urzaiz e María Berdiales.

Aparcamentos dispoñibles
Aparcamentos dispoñibles | Fonte: Concello de Vigo
Plano coas luces de Nadal de Vigo 2024
Plano coas luces de Nadal de Vigo 2024 | Fonte: Concello de Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Calquera pode comprobar como unha cidade convírtena nun Parque Temático durante 2 meses así pola cara... En fin vivimos tempos de avalanchas e non sei a quen lle pode interesar pasar dúas horas tropezando con todo o mundo rodeado de luces e músicas enlatadas... (penso que só os nenos ata 7-8 anos pode que lles faga algo de gracia este tremendo lío comercial) O encendido das luces tamén o tedes en streaming // https://players.cdn.enetres.net/liv... E logo falan de transición ecolóxica do carallo !