Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2024 | Actualizada ás 13:16
Unha traballadora do Concello de Ferrol denunciou que sufriu unha agresión por parte dunha cidadá no seu posto de traballo, concretamente o 4 de novembro, na zona de Estatística, que cambiou recentemente de emprazamento, á zona de Rexistro.
Esta acción foi condenada tanto polo comité de empresa como pola xunta do persoal, que a través dun comunicado solicitan ao goberno que preside José Manuel Rey Varela: "As medidas correctoras necesarias que eviten este tipo de situacións, tal e como levamos demandando con anterioridade, en varias ocasións, por feitos similares en diversas dependencias municipais".
Por parte do ámbito sindical aseguran que para este traslado, "non se solicitaron os informes previos que certificasen que a nova localización reúna as condicións oportunas para poder acomodar a infraestrutura e o persoal do departamento de Estatística". Tamén inciden en que "non se tivo en conta o parecer das traballadoras do departamento en canto a necesidades para a prestación do servizo" e que "non levaron a cabo as medidas correctoras informadas o servizo alleo de prevención de riscos do Concello".
CRÍTICAS Á CONCELLEIRA
Por parte do ámbito sindical tamén apuntan que "a estes incumprimentos" engádeselle "a nula empatía e a desvergoña" da edil de Recursos Humanos, Susana Sanjurjo, "que coa súa actitude non fai máis que agravar un problema en lugar de darlle solución" e que motiva "malestar, desgana, desgaste, falta de motivación e o risco para a saúde do persoal", ademais de que "se está convertendo en algo habitual, o amedrentar ao persoal, sentándoo diante dos máximos mandatarios do Concello para dar instrucións arbitrarias e interesadas, alterando a orde de entrada dos expedientes, pospondo a resolución dos asuntos do resto da cidadanía e dando preferencia aos asuntos que politicamente interesan".
O comité de empresa e xunta de persoal din que "ademais de recibir chamadas de atención por dar explicacións á cidadanía polo atraso na resolución dos seus expedientes, castigando así ao persoal por facer o seu traballo". "Apoiaremos a todo o persoal e optaremos por pór en marcha as medidas que supoñan a posibilidade de depurar as responsabilidades pertinentes", afirma.
RESPOSTA DO CONCELLO
Pola súa banda, desde o Concello indican que amosan o seu apoi contra esa conduta sufrida pola traballadora municipal. "Desde que coñecemos os feitos ofreceuse o apoio xurídico do Concello para que adopte as medidas que estime oportunas. Sempre imos velar pola seguridade dos funcionarios municipais", indica nun comunicado remitido ao Galicia Confidencial.
Sobre as denuncias do comité indica que procederán á apertura dun expediente informativo ao fin de coñecer as causas denunciadas e do funcionamento do servizo, principalmente o padrón, por mor das queixas recibidas por parte dos cidadáns debido á tramitación dos expedientes e a perda de subvencións por non obter a tempo os documentos solicitados. "Dito expediente estará dirixido por un instrutor municipal independente aos feitos o cal escoitará ás partes e pedirá os informes que sexan necesarios para unha vez visto todo, tomar as medidas que crea necesarias", aclara.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.