Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/11/2024 | Actualizada ás 13:59
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou ao Goberno de España a eliminación das peaxes na autoestrada AP-9 e, singularmente, no tramo entre Vigo e Pontevedra, ao mesmo tempo que se eliminen as peaxes nas autoestradas de acceso a Madrid (AP-6, AP-51 e AP-61).
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico trasladou esta petición tras coñecer que o Executivo encargou o estudo sobre as actuacións necesarias para liberar de peaxe esas autoestradas de acceso á capital. "Parécenos moi ben que se liberalicen", explicou Caballero que, no entanto, engadiu que "ao mesmo tempo" e "obrigada e necesariamente", deben eliminarse as peaxes na AP-9.
En concreto, Caballero reclamou que se "adiante" a supresión da taxa "canto antes" no tramo entre a cidade olívica e a capital de provincia, porque ambas conforman unha "gran área urbana" e estar separadas por unha peaxe "non se corresponde coa realidade".
O alcalde lembrou que foi o goberno de Aznar o que prorrogou a concesión da AP-9 ata 20248, de maneira que os cidadáns pagan e "repagan". "É ao que nos condenou o PP", insistiu, e reiterou que el defende "os dereitos" da cidade Vigo e por iso insta o Goberno a eliminar a peaxe no mesmo prazo que se faga nas autoestradas de entrada a Madrid, "e canto antes" no tramo Vigo-Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.