En Marea estará no equipo de Podemos que negocie co PSOE

Íñigo Errejón suliña que nese equipo haberá xente que xa estivo na rolda de prensa na que Podemos fixo pública a súa oferta de goberno ao PSdeG, entre elas, Alexandra Fernández. Alerta sobre o risco de espectacularizar" as negociacións como "se fosen un duelo do 'far west'".

Por Galicia Confidencial | Madrid | 03/02/2016 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Un representante de En Marea estará no equipo de Podemos que negociará a conformación do vindeiro goberno co PSOE. Así, o suliñou o portavoz desta formación no Congreso, Íñigo Errejón, que dixo que irán coas confluencias territoriais ás negociacións cos socialistas e que todos terán representación no equipo negociador.

Os voceiros Alexandra Fernández (En marea), Errejón (Podemos) e por En Comú Podem Xavier Domènech.
Os voceiros Alexandra Fernández (En marea), Errejón (Podemos) e por En Comú Podem Xavier Domènech.

Polo momento, Podemos non desvelou quen serán os integrantes dese equipo negociador, pero Errejón destacou que haberá “compañeiros" que se presentaron o día que fixeron pública a súa oferta de Goberno nunha rolda de prensa na que ademais del mesmo, compareceron outros membros do grupo parlamentario como Carolina Bescansa, Irene Montero, Xavier Domenech (En Comú) e Alexandra Fernández (En Marea).

"Nós somos un só grupo parlamentario, Podemos-En Comú Podem-En Marea, un grupo parlamentario plurinacional, e negociaremos cunha soa voz. Iso inclúe que dentro dos nosos equipos negociadores haberá compañeiros representantes de En Comú Podem e En Marea”, destacou.

Nestas negociacións Podemos volverá poñer sobre a mesa a necesidade de que un Goberno de cambio tería que representar o que votaron os españois, e por tanto, estar encabezado polo PSOE, pero tamén ser proporcional de maneira que a formación morada ocupe a posición que lle deron as urnas.

"Perdéronse moitos días", dixo tras lembrar que o seu partido xa presentou a "única" proposta de Goberno que se coñece até agora e grazas á que Mariano Rajoy tivo "que dar un paso atrás" mentres o líder do PSOE "non se moveu demasiado". 

Por iso, emprazou ao PSOE a tomar unha decisión e elixir entre ese Goberno de cambio con Podemos e EU ou unha "gran coalición" con PP e Ciudadanos. "Toca decidirse", engadiu. Na súa opinión se o PSOE ten vontade política será posible o acordo porque se dan as condicións para un Goberno que "nos primeiros cen días se poña a traballar para rescatar á xente máis golpeada pola crise".

Con todo, alertou ante o "risco de espectacularizar" as negociacións como "se fosen un duelo do 'far west'" pensando nos negociadores cando o máis importante non é quen senten á mesa, senón que vontade política se manifeste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

2 antonino

Decidiron ser rabo de león antes de ser nada, que é o que sodes os da UPG.

1 Chin Chan

O rabo de león si que é ser nada... O que pasa é que sempre se lle pode botar anís. Compromis vai falar directamente co PSOE por exemplo. Así que podes retorcer o rabo de león canto queiras.

1 Fendetestas

Parabéns... Decidistes ser rabo de león ante que cabeza de rato, e agora veredes pasar a m-e-r-d-a en primeira fila