Ecoloxistas en Acción denuncian "contaminación por metais pesados" en ríos arredor da mina de Touro

Cobre San Rafael replicou que "leva anos realizando medicións continuas" das augas na contorna da histórica mina de Touro, e os resultados reflicten "melloras significativas grazas ás nosas accións de control e mitigación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción denunciou este xoves a existencia de "unha grave contaminación por metais pesados" nos ríos da contorna da mina de Touro.

Nun comunicado, explicou que realizou un proxecto de monitoreo dos cursos de auga afectados polas drenaxes da mina de Touro, ante "a pasividade" da Xunta de Galicia e "as tentativas" da empresa mineira Cobre San Rafael de "ocultar a existencia de contaminación grave e persistente na contorna da explotación".

Dentro desta campaña de seguimento, explican que se encargou a un laboratorio oficial a toma de mostras de augas nos ríos Brandelos, Pucheiras e Portapego e dunha escorrentía da antiga balsa de lodos selada despois do peche da mina.

"Os resultados das analíticas confirman a contaminación por metais no catro puntos analizados, todos eles con resultado físico-químico insatisfactorio e elevados niveis de níquel, cadmio, mercurio e selenio. Unhas augas contaminadas que están a afectar a varios afluentes do río Ulla en zonas da rede Natura 2000", censura Ecoloxistas en Acción.

CRÍTICAS "ALARMISTAS" SEN BASE "CIENTÍFICA"

En fronte, Cobre San Rafael replicou que "leva anos realizando medicións continuas" das augas na contorna da histórica mina de Touro, e os resultados reflicten "melloras significativas grazas ás nosas accións de control e mitigación". "A calidade da auga cumpre cos estándares ambientais, pero para completar o proceso de restauración é necesario aprobar a devolución das augas tratadas na Planta de Tratamento de Augas (PTA)", engade.

Tamén lembra que o impacto da mina de Touro é "un pasivo ambiental herdado que data de 1986" e subliña que, desde entón, a contorna foi "obxecto de vixilancia e tratamento por parte das autoridades competentes". Segundo o Plan Hidrolóxico de Galicia, agrega que "o único tramo identificado como problemático no río Ulla atópase augas arriba de Pontecesures, e non nas áreas onde Ecoloxistas en Acción sinala posibles afectacións".

Neste sentido, afeou á organización ecoloxista que realice "afirmacións alarmistas" sobre a contaminación dos afluentes do río Ulla e as zonas ZEC (Natura 2000) "sen achegar datos científicos que as apoien".

"Cobre San Rafael realizou análises rigorosas que mostran que non existe afectación significativa no río Ulla nin nas zonas ZEC, como se evidencia nos informes internos e as colaboracións con entidades científicas como a Rede de Estacións Biolóxicas da USC (REBUSC) ou o CSIC. De feito, o proxecto AMBARULLA do CSIC, que estudou a conca baixa do Ulla, concluíu que a contaminación se debe principalmente a verteduras urbanas e industriais", conclúe

Vertedura da mina de Touro
Vertedura da mina de Touro | Fonte: ECOLOXISTAS EN ACCIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta