A Comisión Europea di que "non recibiu probas" sobre "un incumprimento da lexislación" do proxecto de Altri

Así o apunta o vicepresidente executivo Maros Sefcovic en nome da Comisión Europea, nunha resposta escrita a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre a cuestión

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 15/11/2024 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A Comisión Europea afirma que "nesta fase non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE" en relación ao proxecto de Altri en Galicia, unha iniciativa que, lembran, "está a ser obxecto dunha avaliación a nivel nacional" e para o que "non se concedeu aínda a autorización".

Así o apunta o vicepresidente executivo Maros Sefcovic en nome da Comisión Europea, nunha resposta escrita a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre a cuestión, á que tivo acceso Europa Press.

En concreto, Miranda recolle na súa pregunta unha resposta previa da comisión, na que non detectan infraccións neste proxecto en "unha fase temperá". Por iso, pregunta achega do significado desta fase temperá e, en concreto, pola análise da documentación entregada polos colectivos afectados nunha reunión o pasado mes de abril.

Ademais, a eurodeputada pregunta se "é consciente a Comisión de que o proxecto de Altri é incompatible coa Lei de Restauración da Natureza, especialmente debido á expansión do cultivo do eucalipto e o seu impacto sobre a biodiversidade, o chan, a canle fluvial do río Ulla e a ría de Arousa", entre outros elementos.

Na súa resposta, datada deste luns, a Comisión apunta que "examinou a información dispoñible" sobre o proxecto, "incluídos os documentos presentados polos grupos afectados na reunión de abril" deste ano, así como "a información publicada polas autoridades competentes".

"Da información dispoñible despréndese que o proxecto está a ser obxecto dunha avaliación a nivel nacional de conformidade coa Directiva de Avaliación do Impacto Ambiental e que non se concedeu aínda a autorización para o mesmo, nin o permiso contemplado na directiva de emisións industriais", recolle a resposta, que engade que "nesta fase, a Comisión non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE".

En canto ao regulamento relativo á restauración da natureza, a Comisión apunta que "establece obxectivos vinculantes" para os Estados membro, pero "non impón obrigacións directas ás empresas". "Corresponde aos Estados membro determinar e establecer nos seus plans nacionais de recuperación como alcanzar eses obxectivos e onde pór en marcha medidas de restauración, tendo en conta a situación a nivel nacional, rexional e local", destaca.

Para finalizar, a Comisión lembra que "corresponde en primeiro lugar ás autoridades nacionais competentes dos Estados membro verificar o cumprimento de todos os requisitos pertinentes da UE".

Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela
Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta