Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 14:38
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acolleu o primeiro consello de administración da Sociedade da Vivenda Pública de Galicia, cuxa presidencia ostenta a conselleira da área, María Martínez Allegue. Nel, destacou "o importante labor da sociedade que xestionará a promoción de 2.350 vivendas de promoción pública que deberán estar terminadas antes de que acabe esta lexislatura".
Na primeira reunión do consello de administración, composto por sete membros, deuse conta da constitución oficial do novo ente, resultado da escisión de Xestur, da repartición das competencias de vivenda e chan residencial e de chan empresarial. "Esta separación de actividades simplificará a estrutura organizativa de cada unha das sociedades o que conferirá unha maior eficacia no seu funcionamento", explica a Consellería de Vivenda.
As vivendas construídas pola sociedade serán cualificadas como de promoción pública, co mesmo réxime xurídico que as construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e serán adxudicadas a través do Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia. A nova sociedade depende da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e está tutelada funcionalmente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.