Entidades de traballo social denuncian que a Xunta "limita" a participación da sociedade galega no Consello de Benestar Social

Representantes dos sindicatos CIG, CC.OO., SLG e o Colexio Oficial de Traballo Social denunciaron que a lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2025 modifica "pola porta de atrás" a participación do Consello Galego de Benestar Social que, en opinión das organizacións sindicais e do Colexio, limitarase agora a "emitir ditames a instancias da Consellería".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Representantes dos sindicatos CIG, CC.OO., SLG e o Colexio Oficial de Traballo Social denunciaron que a lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2025 modifica "pola porta de atrás" a participación do Consello Galego de Benestar Social que, en opinión das organizacións sindicais e do Colexio, limitarase agora a "emitir ditames a instancias da Consellería". "É dicir, a Consellería vai someter a opinión do Consello aqueles que lle apeteza ou ningún, porque se cadra non hai ningún proxecto normativo ou iniciativa sobre o que considere que temos que opinar as diferentes entidades", criticou a representante de CC.OO. Maica Bouza.

Nunha rolda de prensa conxunta celebrada este martes na sede do SLG, censuraron que á Xunta "non lle interesa que a sociedade galega opine" sobre como realiza a atención a persoas dependentes. Denuncian que o Goberno galego utiliza unha "lei ómnibus" para cambiar "pola porta de atrás" leis "moi importantes para a vida dos galegos" como, exemplificaron, a lei 13/2008 do 3 de decembro de Servizos Sociais e o Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia. Así, consideran que a modificación normativa busca "unificar os procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e do recoñecemento do grao de discapacidade, posibilitando tramitar e resolver ambos os de maneira conxunta, recortando investimento en persoal, eliminando persoal especializado de Traballo Social e sobrecargando os servizos sociais comunitarios".

"PROBLEMÁTICAS"

Todo iso, segundo os representantes sindicais e do Colexio, provoca cuestións "problemáticas", como que a solicitude para o recoñecemento da situación de dependencia poida solicitarse nun único procedemento que o recoñecemento do grao de discapacidade, así como que a asistencia para cumprimentar e presentar a solicitude recaia en persoal das administracións públicas que se dediquen "a calquera outro procedemento administrativo". Así mesmo, sinalan que a tramitación prioritaria en casos de emerxencia social "non terá en conta a valoración social realizada por un profesional de traballo social mediante a elaboración dun informe social motivado". Tamén subliñan que a aplicación do baremo "debe ser unha función exclusiva dos servizos sociais especializados" e, en concreto, dos equipos técnicos de valoración, "que deben ser reforzados e non sobrecargar ás profesionais de servizos sociais comunitarias".

Doutra banda, reprochan que non se concreta a titulación requirida dos profesionais que conformarán os equipos de valoración, "en contra do regulado na actualidade", ademais de que o "único informe que pode valorar a situación de dependencia ou discapacidade" é o Informe Social elaborado por profesionais do sector, "non informes emitidos por servizos sociais". Por último, critican que o programa individual de atención debe ter en conta "as expectativas ou necesidades da persoa interesada" e a valoración realizada polas profesionais nas súas intervencións. Por todo iso, consideran que o que se inclúe na lei de acompañamento vai supor "un novo retroceso" na atención ás persoas dependentes en Galicia" e "restrinxirá" a participación da sociedade civil no ámbito dos servizos sociais.

Rolda de prensa de responsables de CIG, CC.OO., SLG e do Colexio Oficial de Traballo Social
Rolda de prensa de responsables de CIG, CC.OO., SLG e do Colexio Oficial de Traballo Social | Fonte: SLG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta