Eva Solla: "Nas galegas hai que facer máis participativo o proceso de En Marea"

A Coordinadora Nacional do Partido Comunista en Galicia destaca que os acordos que se cheguen para as eleccións autonómicas serán en base a "programas e ideas comúns". Destaca nesta entrevista o traballo realizado por AGE nestes tres anos e medio.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Eva Solla, membro do Consello Politico Nacional de Esquerda Unida e vicevoceira parlamentaria de AGE, tamén fala dos problemas xurdidos en Izquierda Unida pola presenza de tres deputados no grupo plurinacional de Podemos. "Marchariamos", di se saira aprobada a postura de Cayo Lara. "Nós temos claro que o importante é traballar con outras formacións polo ben de Galicia e das clases traballadoras", engade.

Eva Solla, coordinadora do PC en Galicia e membro do Consello Político Nacional de EU
Eva Solla, coordinadora do PC en Galicia e membro do Consello Político Nacional de EU | Fonte: aleasiu.org

Sobre algúns dos seus compañeiros críticos da Arousa é contundente. "As discrepancias políticas son aceptables pero non as saídas de tono", di en relación ao secretario de EU-Arousa que pediu a dimisión de Yolanda Díaz.

Solucionáronse xa as diferencias na Dirección Federal de Izquierda Unida pola presenza de Yolanda Díaz e outros dous deputados no grupo plurinacional de Podemos?
Iso xa quedou resolto. Non hai nada a maiores. Eu non copartía a postura que levou unha parte do partido á Dirección Federal porque o traballo e a participación de IU nas distintas confluencias fora aprobado, previamente, nos distintos órganos do partido.

E por que parte da Federal quixo botar abaixo eses pactos agora?
É unha aposta que consideramos errada. Cremos que hai que continuar pola mesma vía de traballo nas confluencias políticas. Non aceptariamos que se romperan as confluencias.

Entón, marchariades de IU se saíra aprobada a postura de Cayo Lara?
Obviamente... Pero os compañeiros da Federal así o entenderon e aprobaron, e por iso seguimos traballando xuntos.

E que pasa con sectores de Lugo e da Arousa, que seguen sendo moi críticos, especialmente, con Yolanda Díaz?
Son minorías dentro da afilición. Todos os posicionamentos son válidos pero nós temos claro que o importante é traballar con outras formacións polo ben de Galicia e das clases traballadoras. As discrepancias políticas son aceptables pero non as saídas de tono.

Entón non hai pensamento único?
Non hai pensamento único na organización. O que hai é unha folla de ruta clara tanto nos documentos de EU como de IU. E, insisto, a propia confluencia foi aprobada pola dirección Federal.

Entendo que seguiredes polas confluencias?
Si, si... Traballaremos para mellorar ese proceso. Comezamos no 2012 con AGE pero o proceso foi abrindose e mudando. Ese é o camiño e a vía e xa non estamos nel as organizacións políticas.

Supoño que nestes problemas tivechedes o apio de Anova e Podemos, non?
Esas son cuestións internas. En todo caso, calquera pode ver a relación que temos e o traballo que se visualiza nas confluencias.

Falando de relacións, como ves o panorama para as galegas?
De momento é precipitado falar diso. En todo caso, nós imos traballar na mesma liña que En Marea e tentaremos mellorar a participación no proceso, que, obviamente, pode ser ampliado e, se é así, moito mellor. Temos que traballar para a propia clase traballadora que ve que tras 8 anos do PP as súas condicións de vida non só non melloraron, senón que empeoraron. Temos temas nos que hai que traballar e o importante é o programa, un programa que poñamos en común entre todos e todas.

Supoño que non será un acordo desde arriba entre as organizacións políticas?
Nunca houbo tal.

E logo, non houbo un pacto asinado entre Podemos, Anova e EU antes das xerais?
Era necesario o diálogo entre as forzas políticas porque o formato que tivo En Marea era unha coalición. Pero houbo asembleas das mareas e da Marea Galega. O proceso foi máis participado. En todo caso, é certo, que para as galegas hai que tentar abrir este espazo máis e que sexa aínda máis participativo... Que participe máis xente a título individual. Por iso son moi necesarias esas asembleas municipais. Pero tamén é normal que neste proceso haxa xuntanzas entre organizacións políticas.

Hai colectivos sociais e políticos que xa amosaron a súa intención en participar dunha gran marea galega; Cerna, xente de CxG e outros colectivos, moitos do abano nacionalista
As propias formacións son as que teñen que decidilo e os demais non podemos entrometernos. Pero os acordos aos que se cheguen serán en base a programas e ideas comúns. Non é unha suma incondicional, senón que todos temos que traballar unidos polo ben do pobo galego.

E a negativa da dirección do BNG. como a interpretas?
Eles son soberanos para decidir o que queiran. Nós apostamos polos problemas da xente e non polos partidos. Por iso o importante é atallar os principais problemas que padecen os galegos.

Por certo, como ves o panorama logo das xerais?
É complexo. Veremos se se chegan a acordos ou non en función do que está disposto a facer o PSOE. Del depende se quere facer un goberno para a maioría social ou prefire pactar coa dereita. E logo, sobre todo, o importante é que se hai un acordo sexa en base a un programa concreto.

E ves un goberno conxunto co PP con presenza no Goberno de España de xente de En Marea?
Iso ten que decidilo o PSOE. Terá que decidir se está coa maioría social ou se prefire continuar cos políticas da dereita cun goberno de PP e Ciudadanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

7 farto de falsos

Un feixe de lambóns e lambonsas se aproveitaron das bases de podemos e da militancia dos tres partidiños do AGE para colocarse nos parlamentos a vivir do conto. Isto ven sendo o que chamades En Marea. Nada que ver co que vendedes. Falsos.

6 Chindasvinto

Si, cada persoa un voto. Facer primarias, ñermitir a participación de todo o mundo que suscreva os manifestos pertinentes, etc... todo o contario do que se fixo para En Marea.

5 per

Apostades pola xente e sodes de partidos dos de sempre,,,pronto saira o candidato a Xunta na 6ª pra promocionarse, sin decir claro que vai ser candidato.Na 6ª e onde se construe a nova politica.

4 comunista independentista

A Marea ten moita marxe de mellora e vai continuar medrando. O que se respira na rúa é que a Marea constitúe a única alternativa real á política destrutiva de Feijoo. Avante Marea!

3 Gamela

Semella que algúns toparon a rendixa pola que colarse nas vindeiras eleccións galegas: chamarlle En Marea aos "cadros políticos" de EU e ANOVA e supoño que outras organizacións sen representación algunha CxG, Cerna (grupo mixto) etc etc... Estamos a padecer unha reorganización das máis vellas organizacións políticas que NADA teñen que ver co proxecto inicial nin do 15M nin de PODEMOS (esta é a peaxe que pagamos todos por entrar no xogo electoral sen condón!) // Como mostra ver o que está sucedendo cos 3 da Marea de Vigo que xa son simples Comparsas de Abel Caballero !!!

1 Trocomotxo

Vexo que as persoas intelixentes van caendo da burra...