Por Galicia Confidencial | Berlín | 10/02/2016 | Actualizada ás 09:00
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este mércores na presentación do Movemento Democracia en Europa 2025 (DiEM25), que impulsa o exministro grego de Economía Yanis Varoufakis e que aspira a reforzar a unión do continente e evitar a súa desintegración a mans das forzas da austeridade.
O DiEM 25 ten coma "prioridade inmediata democratizar a UE" empezando por implantar a total transparencia na toma de decisións, coa transmisión en directo por internet de todas as reunións dos consellos de ministros, do Ecofin e do Eurogrupo, e con acceso libre ás negociacións financeiras.
Entre outras formulacións deste movemento figura tamén a reorganización urxente das institucións europeas e a convocatoria, a medio prazo, dunha asemblea constitucional na que a cidadanía europea poida deliberar a maneira de construír unha verdadeira democracia continental.
Nesta cita que tivo lugar en Berlín, Ferreiro apostou por estender a Europa a "rede de cidades rebeldes" que xurdiu tras as pasadas eleccións municipais no Estado, con Madrid, Barcelona, Santiago, Ferrol ou a propia Coruña. Así, defendeu a cooperación da rede española de cidades rebeldes como "eixo dunha novo paradigma" en Europa, en contraposición á competitividade territorial e o capitalismo financeiro, co obxectivo de "crear unha Europa federal desde abaixo".
“Hai que saír do gueto e dirixirse ás maioría" coa creación dun movemento de ámbito europeo plural e de base cidadá", dixo o líder da Marea Atlántica que participou nunha das mesas da xornada sobre as políticas económicas que se recollen no manifesto do movemento. Alí compartiu debate co filósofo italiano Toni Negri e o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello, entre outras voces críticas do continente.
A democratización do diñeiro, a estabilización da economía da Zona Euro ou a composición dunha visión de prosperidade compartida foron algúns dos asuntos que se debateron, así como unha proposta de europeización dos catros ámbitos onde se libra a crise, como a débeda, o baixo investimento, a banca e a pobreza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.