Por Galicia Confidencial | | 10/02/2016 | Actualizada ás 16:30
O PP de Lugo celebrará o vindeiro 6 de marzo unhas das eleccións provinciais máis tensas que se lembran. O paso dado por Elena Candia e Raquel Arias para encabezar dúas listas diferentes ten rachado a este partido en dous bandos e a guerra xa é aberta.
Tan intensa é a contenda política que a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, xa advertiu a súa contrincante de posibles cazas de bruxa. “Hai que fuxir do intento interesado de converter unha elección democrática nunha confrontación entre compañeiros", dixo.
Arias saíu así ao paso do compromiso que fixo a outra candidata, Elena Candia, quen afirmou que se gaña o congreso provincial pedirá á dirección o PPdeG que o seguinte conclave que se celebre xesa o de Lugo capital, para renovar a estrutura local do partido na cidade, hoxe encabezada por Jaime Castiñeira. Un dirixente que apoia, abertamente, a Arias.
A delegada da Xunta insistiu en que, "neste momento" o "debate" ten que estar centrado "nas diferentes propostas que as candidaturas lle presentan á militancia para dirixir o partido a nivel provincial". “Tempo haberá para establecer outros debates", dixo porque “non se debe dispersar a atención sobre o futuro do partido no ámbito provincial, é aí onde nos temos que centrar", insistiu.
Arias tamén quixo aclarar que será "a presidenta de todos os afiliados", porque o seu "non é un proxecto continuista", pero si "tremendamente integrador". "Desde o primeiro día, os que integramos este equipo tivemos moi claro que queriamos converter o PP de Lugo nun lugar de encontro das distintas sensibilidades que conviven no partido", concluíu.
As dúas candidatas contan con apoios diferentes. Así, mentres que Candia ten o respaldo dos barreiristas e do delegado do Goberno na provincia, Arias está apoiada polo sector máis próximo á dirección popular galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.