Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/02/2016 | Actualizada ás 19:36
O xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco decretou hoxe a suspensión de actividades por un ano de Causa Galiza, ao considerala o "brazo político" de Resistencia Galega e polo seu apoio "explícito" á actividade terrorista en Galicia e aos detidos por terrorismo.
Velasco adoptou esta decisión nun auto despois de que a sección segunda da Sala do Penal do Audiencia Nacional revogase por un defecto de forma a resolución pola que xa declarou a suspensión de actividades de Causa Galiza por dous anos en novembro de 2015.
No auto, Velasco lembra que Causa Galiza, desde a súa constitución en 2007, "veu realizando de maneira sistemática actividades nas que se enaltece, xustifica e promociona o terrorismo", converténdose "nun complemento necesario para a actividade desenvolvida pola organización terrorista" Resistencia Galega.
De feito, segundo o xuíz, esta causa séguese por difusión de comunicados, enaltecemento do terrorismo, exaltación de dous terroristas do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) e homenaxes a dous presos de Resistencia Galega, feitos que poderían ser constitutivos de delitos de integración en organización terrorista, enaltecemento do terrorismo, difusión pública de mensaxes e de consignas terroristas e invitación a cometer atentados terroristas.
Relata o auto que Causa Galiza naceu en xullo de 2007 como unha plataforma para aglutinar aos sectores críticos coa reforma estatutaria que se fixo ese ano, "englobando á contorna máis radical do independentismo galego". Entre os seus impulsores figuraban "varios detidos e condenados pola súa pertenza ou colaboración" coa organización terrorista Resistencia Galega.
Entre 2013 e 2015, prosegue o xuíz, Causa Galiza preséntase finalmente como organización política, momento no que radicaliza a súa mensaxe. Para os investigadores, o exemplo máis claro desta radicalización é a organización en 2014 e 2015 do "Día da Galiza Combatente", acto que até o ano 2013 organizaba anualmente a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), organización que se disolveu tras a sentenza que declaraba organización terrorista a Resistencia Galega.
O pasado outubro foron detidos nove dirixentes de Causa Galiza acusados de enxalzar a actividade terrorista de Resistencia Galega e do EGPGC e de xustificar "a utilización da loita armada para a estratexia independentista".
Segundo a Audiencia Nacional, os nove constitúen supostamente o núcleo dirixente de Causa Galiza e participaron de maneira activa no referido acto, así como noutros nos que se desenvolveron accións de enaltecemento do terrorismo levado a cabo pola organización terrorista Resistencia Galega, herdeira do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC). EFE
"Gravísimas acusacións"
Sen embargo, o colectivo de independentistas procesados na Operación Jaro critica a decisión deste tribunal por manter as "gravísimas" imputacións impostas aos nove imputados. Nun comunicado cualifica como "disparatados" os argumentos esgrimidos para a xustificación destas decisións.
Denuncian a criminalización que se fai da celebración de actos informativos e concentracións sobre a historia do movemento independentista galego e que "fulmina os dereitos civís e políticos” dos afectados por esta causa, ademais de “facer caso omiso” de manifestacións como a do pasado 24 de xaneiro neste sentido.
“Esta organización actuou sempre con métodos legais ao servizo do pobo galego e da causa independentista", indican a cualificar a actuación da Audiencia Nacional como un "disparate xudicial e político" destinado a "impedir" que traballen politicamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.