Garrigues evita falar do sobrecuste do Cunqueiro pero di que a fórmula pública do bipartito impactaría na débeda

A consultora sinalou como óptimo en 2008 unha sociedade mixta, ao 90% de capital privado, pero BNG e PSdeG destacan que se "elixiu outra fórmula".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2024 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Un representante da consultora Garrigues afirmou este xoves no Parlamento galego que a opción que avaliou o bipartito que gobernou a Xunta, entre 2005 e 2009, de construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI) "suporía un impacto no endebedamento" da Comunidade Autónoma.

Alfredo Fernández Rancaño, representante de Garrigues, compareceu na comisión de investigación da contratación pública porque a súa empresa elaborou en 2008 un informe para o Servizo Galego de Saúde (Sergas), cando entón gobernaba o socialista Emilio Pérez Touriño en coalición co BNG.

Durante o debate cos grupos, Fernández Rancaño relatou que, entón, a Administración galega quería "sondar" a opción dunha "colaboración público-privada". Así, o informe, no que el mesmo participou, sinalou como óptima a opción de constituír unha sociedade mixta, cun 90% de capital privado e un 10% de capital público, a través do SPI.

O bipartito descartou esta vía, tal e como lembrou o mércores na mesma comisión a entón conselleira de Obras Públicas, María José Caride, e planeaba facelo directamente a través do SPI. No entanto, Garrigues sinalou que esta alternativa, ao ser o SPI unha "unidade institucional non de mercado, impactaría no endebedamento público" en contra das regras fiscais europeas instauradas pola crise.

Neste contexto, Fernández Rancaño insistiu en que "necesariamente" a Xunta tiña que "colaborar co sector privado" para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro. Con todo, non entrou no debate dos 470 millóns que supuxo a maiores a concesión, segundo o Consello de Contas, por non contratarse por separado a construción e os servizos, porque a consultora "non fixo unha análise financeiro", senón de legalidade.

O BIPARTITO "ELIXIU OUTRA FÓRMULA"

Por parte da oposición, o deputado do BNG Óscar Ínsua defendeu que, a pesar deste encargo a Garrigues, o goberno de Touriño e Quintana "elixiron outra fórmula moi distinta" á sociedade mixta. Para ese efecto esgrimiu que, nunha reunión do Consello da Xunta celebrada en 2009, aínda durante o bipartito, fíxose o encargo á SPI para que licitase as obras cun plan polo cal "en 2025 xa estaría pagado" o hospital. En cambio, denunciou Ínsua, a chegada do PP á Xunta supuxo un cambio de criterio "para que as empresas fagan caixa en época de crise".

Por parte do PSdeG, Elena Espinosa quedouse con que o estudo de Garrigues "non inclúe todas as alternativas posibles" e sostivo que "existía" a opción de levantar o Cunqueiro sen aumentar débeda.

Comisión de investigación da contratación da Xunta no Parlamento de Galicia, 28 de novembro de 2024.
Comisión de investigación da contratación da Xunta no Parlamento de Galicia, 28 de novembro de 2024. | Fonte: Europa Press

En fronte, Roberto Rodríguez (PP) considera que o responsable de Garrigues puxo "negro sobre branco" ao afirmar que "a única" forma era a colaboración público-privada. "Este tema morreu, non hai caso", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta