Millán Mon pide en Europa que o acordo da ONU sobre plásticos inclúa o tráfico mariño de pélets

Millán Mon demandou que, no seo da OMI, se inclúan "normas vinculantes máis estritas, como o uso de embalaxes de alta resistencia certificados e procedementos de estiba baixo cuberta en todos os casos, para minimizar fugas e derrames de granzas de plástico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2024 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O eurodeputado do Partido Popular Francisco Millán Mon solicitou que no acordo de Nacionais Unidas sobre contaminación por plásticos se inclúa o tráfico marítimo de pélets. Así o sinalou este xoves na súa intervención nun debate no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo sobre as actuais negociacións que se están levando a cabo no marco da ONU para alcanzar un acordo internacional sobre a contaminación por plásticos, incluíndo o medio mariño. As negociacións teñen lugar estes días en Busán (Corea do Sur). O debate contou coa participación da Comisaria de Igualdade, Helena Dalli.

Millán Mon sinalou que a contaminación por plásticos é un dos principais problemas do medio ambiente, en especial, do medio mariño. "Son consciente da importancia duns océanos limpos, pois son os pescadores os que máis sofren pola contaminación marítima", apostilou. O eurodeputado 'popular' centrou a súa intervención nos microplásticos e aproveitou o debate para reclamar unha regulación estrita do transporte marítimo para evitar as verteduras de granzas de plástico ou pélets. Nun comunicado, o PP lembrou que o Parlamento Europeo fixou en abril a súa posición sobre a proposta de regulamento para previr as perdas de pélets, na que incluíu o tráfico marítimo. "Espero que o Consello conclúa pronto os seus traballos e que se inicien as negociacións interinstitucionais canto antes", apuntou.

"Todos sabemos que as regulacións europeas non son suficientes. Debemos implicar a toda a comunidade internacional e alcanzar tamén unha regulación global", insistiu Millán Mon. O eurodeputado galego pediu "ambición" á Comisión Europea en materia de microplásticos: "hai que traballar firmemente tanto no marco deste acordo de Nacións Unidas en Busán como no seo da Organización Marítima Internacional (OMI)". Millán Mon demandou que, no seo da OMI, se inclúan "normas vinculantes máis estritas, como o uso de embalaxes de alta resistencia certificados e procedementos de estiba baixo cuberta en todos os casos, para minimizar fugas e derrames de granzas de plástico".

Limpeza de pélets nas costas de Sri Lanka
Limpeza de pélets nas costas de Sri Lanka | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta