Ordes contará cunha nova escola infantil con 61 prazas gratuítas

A conselleira Fabiola García destaca a colaboración co Concello para financiar o 70% do proxecto, que estará operativo no primeiro trimestre de 2025.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2024 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou este sábado as obras da futura escola infantil municipal de Ordes, que contará con 61 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos e que a Xunta financia con máis de 930.000 euros, "o 70% do total do custo da actuación".

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde do municipio, José Luís Martínez, destacou a importancia deste tipo de investimentos para axudar aos concellos galegos a pór en marcha novas escolas infantís por toda a comunidade. Segundo detallou a Xunta nunha nota de prensa, as obras da nova escola infantil están "practicamente terminadas" e prevese que comece a funcionar no primeiro trimestre de 2025.

Con todo, a responsable de Política Social lembrou que Galicia é a "única comunidade" co 100% das escolas infantís gratuítas durante oito horas diarias e once meses ao ano. "Unha gratuidade que é posible grazas ao compromiso do Goberno galego con esta etapa e a un investimento de máis de 60 millóns de euros ao ano".

CENTRO SOCIAL DE TORDOIA

Por outra banda, tamén visitou as obras do futuro centro social municipal de Tordoia, onde a Xunta destina 300.000 euros para o acondicionamento da fachada e a cuberta. O novo centro social será unha instalación "multidisciplinar" que permitirá albergar "multitude de actividades e programas".

En concreto, a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello asinaron este convenio de colaboración para finalizar as obras que estaban paralizadas. Deste xeito, está previsto que durante o 2025 este recurso xa entre en funcionamento.

A Xunta financia con máis de 930.000 euros a nova escola infantil de Ordes, que contará con 61 prazas gratuítas.. XUNTA
A Xunta financia con máis de 930.000 euros a nova escola infantil de Ordes, que contará con 61 prazas gratuítas.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta