Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/02/2016 | Actualizada ás 12:00
Os países da UE só levan recolocado a 160 das 160.000 persoas refuxiadas comprometidas. Case 4.000 teñen perecido en augas do Mediterráneo en 2015. Ao estado español chegaron, de momento, tan só 18 das 16.231 que aceptou acoller. Galicia non acolleu a ningunha. Agora, estas18 persoas están distribuídas entre cinco centros e pisos de acollida xestionados polo Goberno e ONGs. Son os datos que aporta Cerna.
Precisamente, esta organización política organizará un debate sobre os intereses de poder que se tecen en Oriente Medio ou as liñas da xeopolítica nestes momentos están detrás da dramática situación que viven centos de milleiros de refuxiados en Europa. Unha situación que denuncian numerosas organizacións non gubernamentais.
Esta charla-coloquio terá lugar este venres no Salón de actos da Facultade de Filosofía de Santiago, ás 19.00 horas. “Pretendemos que sirva para abrir debate e participación cidadá, concienciándonos como sociedade e achegando conclusións para esixir solucións ás institucións e estados europeos”, apunta esta organización nun comunicado.
Esta mesma semana o Foro Galego de Inmigración anunciaba a posta en marcha dunha campaña para conseguir o apoio formal de organizacións, asociacións, entidades, colectivos ou institucións de todo tipo ao Boicot ao grupo empresarial GLOBALIA para denunciar “as intolerables deportacións forzadas de persoas que promove o goberno español”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.