Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 16:23
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, avanzou este xoves que o Servizo Galego de Saúde está a traballar no deseño dun plan piloto para potenciar a hemodiálisis domiciliaria e reforzar, con iso, a autonomía dos pacientes que requiren este tratamento.
Durante unha intervención na Comisión de Sanidade para responder a unha pregunta formulada polo BNG, o director xeral dixo que a Xunta aposta por "modelos sanitarios nos que, ademais de mellorar a calidade de vida dos pacientes, tamén melloren os resultados en saúde".
O incremento na frecuencia na diálese "favorece a conservación da función renal residual, mellorando a tolerancia ás sesións e tamén o control da tensión arterial, entre outros", apuntou.
Tendo en conta estes datos, o departamento sanitario galego está a avaliar o desenvolvemento dunha proposta asistencial en rede coa previsión de poder articulala entre o Servizo de Nefrología do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e o Centro de Saúde da Estrada, co obxectivo de que a diálese sexa "cada vez máis accesible e cómoda para os pacientes".
O novo proxecto piloto abordará os tratamentos de hemodiálisis desde unha perspectiva de coidados limitados ou autocuidados, é dicir, profundará "nun modelo innovador e intermedio entre a hemodiálisis convencional hospitalaria e a hemodiálisis domiciliaria". Desta maneira, aqueles pacientes que cumpran os criterios clínicos, cognitivos, sociais e emocionais establecidos poderán adquirir progresivamente as habilidades necesarias para transicionar cara a un modelo de hemodiálisis domiciliaria, un tipo de tratamento que, a día de hoxe, está a demostrar mellores resultados en saúde e en calidade de vida, apunta a Xunta.
De optar por esta modalidade, será o propio paciente quen, mediante un proceso de formación realizado na propia unidade, irá adquirindo progresivamente habilidades para administrar o seu propio tratamento. Os pacientes que, optando pola hemodiálisis domiciliaria, pero polas súas circunstancias persoais ou sociais, non poidan realizar o seu tratamento no domicilio, poderían acceder ao tratamento dialítico nunha unidade intermedia como técnica ponte.
"Este proxecto forma parte no noso plan de acción para a mellora da atención na enfermidade renal crónica", haincidido o director xeral, á vez que avanzou que a elección da modalidade de hemodiálisis realizarase, de acordo co paciente, e en función das súas preferencias e características (idade, superficie corporal, patoloxía comórbida, acceso vascular, evolución clínica ou situación do transplante).
No ano 2023, o Sergas ofreceu diálese domiciliaria a 321 novos pacientes, e neste 2024, ten como obxectivo incrementar esa cifra, polo menos, nun 10%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.