7 millóns de euros para poñer no mercado a investigación galega

O Xunta presenta o programa IGNICIA cunha primeira achega de 1.650.000 euros para este ano. O obxectivo é explotar comercialmente o coñecemento xerado polos investigadores galegos, para obter retornos económicos e crear "emprego de calidade e sostible".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/02/2016 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Xunta investirá 7 millóns de euros ata o ano 2020 no programa IGNICIA, un fondo de proba de concepto baseado nunha metodoloxía creada e desenvolta pola Fundación Barrié, que permitirá impulsar a posta no mercado do coñecemento xerado polos investigadores galegos. Deses 7 millóns, a Xunta investirá este mesmo ano 1.650.000 euros, nunha iniciativa que está aberta a achegas por parte doutras entidades públicas e privadas.

Laboratorio do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiales Moleculares (CIQUS)
Laboratorio do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiales Moleculares (CIQUS)

Esta ferramenta permitirá verificar se unha idea ten opcións reais de ser implementada a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado, aproveitando todo o potencial do coñecemento xerado nas tres universidades, no sistema de saúde a través das fundacións hospitalarias, nos centros do CSIC en Galicia, no Instituto Español de Oceanografía en Galicia, e nos centros tecnolóxicos galegos

Así o anunciou este venres o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen animou aos "axentes públicos e privados" de toda Galicia a "compartir esta misión". Conde presentou a iniciativa xunto ao presidente da Fundación Barriçe, José María Arias, ante investigadores e representantes de centros de investigación de toda Galicia, e avanzou que a convocatoria para participar nela abrirase nos próximos días.

Acontía inicial permitirá apoiar a entre seis e dez proxectos, abríndolles “unha verdadeira autopista ao mercado” con apostas que oscilarán entre os 120.000 e os 200.000 euros. “Con estas apostas compartimos o risco de cada iniciativa, pero ao mesmo tempo garantimos a nosa participación nos posibles beneficios”, dixo o conselleiro.

"Emprego de calidade e sostible"

Os obxectivos son dous: por unha banda, dinamizar a posta en valor dos resultados de investigación xerados en Galicia, e, por outra, obter retornos económicos que serán reinvestidos en servizos públicos. Conde non dubidou en afirmar que esta iniciativa "reforzará as prioridades básicas" da Xunta: "emprego de calidade e sostible”.

A iniciativa nace por dúas razóns: "en primeiro lugar, pola existencia acreditada dun gran número de proxectos liderados por investigadores galegos con potencial de comercialización e, en segundo, polo éxito da propia Fundación Barrié co seu Fondo de Ciencia”, destacou o conselleiro. 

Experiencia previa

O IGNICIA recolle a exitosa experiencia levada a cabo durante os cinco últimos anos pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia, do que teñen nacido iniciativas de éxito como Scape, Quorum Quenching, Torusware —recoñecida pola UE como unha das empresas TIC máis innovadoras de Europa—, e a biotecnolóxica Nasasbiotech, que deseña un sistema para atrapar as células metastásicas. A partir deste ano, a Xunta asume a xestión desta iniciativa e a Barrié continuará achegando o seu coñecemento e a experiencia adquirida ata o de agora. 

Criterios de selección

Os proxectos serán seleccionados con rigorosos criterios baseados, entre outros factores, no grao de innovación da solución proposta, no potencial para xerar retornos económicos, e no compromiso do grupo de investigación coa comercialización dos seus resultados. A partir de aquí, a Xunta apoiará os promotores na posta en marcha dunha nova empresa en forma de spin-off, ou na cesión do dereito de explotación da patente por parte doutra empresa.

Conde resaltou que “moitas boas ideas non pasan da publicación científica, dun primeiro exercicio teórico, ou de probas e ensaios que dan resultados moi valiosos pero quedan nun caixón, sen explotar”. Por iso, defendeu a utilidade deste programa para que Galicia poña as súas mellores ideas ao servizo da creación de riqueza e emprego cualificado e de calidade, levando ao mercado o coñecemento xerado polos investigadores galegos en forma de produtos e servizos innovadores. 

A Fundación Barrié continuará vinculada a esta actuación achegando a experiencia acumulada neste ámbito ao longo dos últimos cinco anos, participando na avaliación dos proxectos presentados e organizando accións de formación dirixidas ao persoal da Axencia Galega de Innovación e aos demais axentes do Sistema Galego de Innovación susceptibles de beneficiarse do do fondo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta