Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2024 | Actualizada ás 17:29
A oferta de emprego público da administración xeral da Xunta para 2024, incluídas entidades instrumentais, ascende a un total de 1.973 prazas, das que 637 son de acceso libre. Esta oferta de emprego, que se acaba de presentar ás organizacións sindicais na Mesa Xeral, o Goberno galego indica que aplica a taxa máxima de reposición permitida polo Estado, establecida en 2023 (últimos Orzamentos Xerais do Estado aprobados). A cifra inclúe 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira e 984 postos para continuar o proceso de funcionarización voluntaria de persoal laboral fixo da Xunta. A iso súmanse 52 prazas para a promoción interna horizontal.
"Esta oferta garante a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un emprego fixo, estable e de calidade na Administración autonómica, tamén o dereito do persoal empregado público a unha promoción profesional, así como continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo", expón a Consellería de Facenda nun comunicado.
ACCESO LIBRE
Do total de 637 prazas de acceso libre, máis de 250 serán para os principais corpos e escalas da administración xeral, entre as que destacan 165 prazas para persoal de limpeza e cociña e 33 do corpo auxiliar (C2), así como 24 do corpo administrativo (C1). Así mesmo, 10 irán para o corpo superior (A1), outras 10 para o corpo de xestión (A2) e 10 destínanse á escala de persoal subalterno e están reservadas para as persoas con discapacidade intelectual. Máis de 300 prazas son para escalas da administración especial, entre as que destacan 75 prazas de bombeiro forestal, 50 prazas de auxiliares de coidadores, 45 prazas de auxiliar de cociña ou 20 prazas de auxiliares de clínica. Xunto a isto ofértanse un total de 54 prazas de acceso libre en entidades do sector público autonómico.
PROMOCIÓN INTERNA
Haberá 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira, empregados públicos que poden conseguir un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. En concreto, convocaranse 18 prazas para o corpo superior (A1), 35 para o corpo de xestión (A2), 73 para o corpo administrativo (C1) e 170 prazas para o corpo auxiliar (C2). Ademais, a oferta tamén recolle 52 prazas para a promoción interna horizontal, o que ofrece a oportunidade de funcionarizarse ao persoal laboral fixo que non cumpre os requisitos de antigüidade previsto.
FUNCIONARIZACIÓN E DISCAPACIDADE
Finalmente, inclúense 984 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permiten modificar o réxime xurídico do traballador, que pasa de ser empregado laboral fixo a funcionario de carreira da Administración galega. A reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta oferta de emprego público é do 11,09 % das prazas. Unha parte delas será para o acceso de persoas que acrediten discapacidade intelectual. "A reserva é maior do que establece a lexislación, que marca un mínimo do 7 % para facilitar o acceso da discapacidade á función pública", sostén o Executivo autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.