Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2024 | Actualizada ás 17:01
Os principais partidos galegos apoiaron este domingo a masiva manifestación que colapsou a capital galega en protesta pola megapapeleira que a multinacional Altri quere construír en Palas de Rei. Así, BNG, PSdeG, Anova ou Sumar coincidiron en denunciar un proxecto que dana a Galicia.
Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "histórica" a manifestación deste domingo en Santiago contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei e na que "unha marea de dignidade" di ao PPdeG que "non quere a macrocelulosa no corazón do país".
En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, a nacionalista lembrou que este "megaproxecto contaminante que non queren en Portugal" pon "en risco" 8.000 empregos e o modo de vida da xente do rural e do mar. "Pedímoslle a Rueda que escoite á cidadanía de Galicia, que deixe de ser comercial de Altri e que pare esta agresión, esta bomba ambiental que é unha hipoteca para o futuro do noso país", esgrimiu.
BEIRAS
O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras tachou de "alucinante" que a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) defenda o proxecto. Así se referiu este domingo en Santiago ás palabras do presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, que mostrou o seu respaldo ao proxecto Altri "sempre" que cumpra a normativa.
"Unha vez máis, resulta que quen ten que rebelarse e defender ao país é a cidadanía común, mentres que todos os poderes, os políticos, os económicos, o que fan é destruílo", criticou Beiras.
PSdeG
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, incidiu en que "quere saber toda a información" sobre o proxecto que Altri xa que "os datos difiren" dos presentados nun inicio. En declaracións aos medios, apuntou que este proxecto "naceu como unha fábrica téxtil e agora atopámonos cunha celulosa".
"Desde o PSOE sempre defendemos que este tipo de iniciativas teñen que cubrir tres patas, a económica, pero tamén a social e a ambiental e este proxecto non cobre ningunha destas patas", sinalou, á vez que reclamou ao PP explicacións sobre "porqué difiren tanto os datos".
SUMAR
O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, asegurou que a súa formación porá "todo o seu capital político, enerxía e forza" para "parar" o proxecto Altri en Palas de Rei. "Está todo dito, non é viable, non é sustentable, non produce postos de traballo de calidade e, desde logo, non é unha Galicia con futuro", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.