Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 20:00
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia prevé pechar o ano 2024 "non só cun nivel de débeda pública inferior ao que tiña antes da pandemia, se non por baixo dos niveis do ano 2012", tal e como se deu a coñecer este luns nun informe presentado no Consello da Xunta.
Segundo o informe, os "atrasos do Goberno central no pago das entregas a conta" provocaron no segundo trimestre deste ano un aumento do cociente débeda/PIB motivado pola necesidade de subscribir pólizas de crédito cun custo financeiro de máis de 10 millóns. Con todo, "na actualidade esas liñas de crédito xa foron devoltas e non hai previsión de que se teñan que volver empregar".
Tendo en conta os datos, Rueda indicou que "a previsión de peche do exercicio 2024 pasa por alcanzar un volume de endebedamento de 11.937 millóns, o que supón unha redución de 233 millóns con respecto ao peche do exercicio anterior".
Segundo os últimos datos do Banco Central, que se deron a coñecer a semana pasada, a débeda pública galega "reduciuse no terceiro trimestre do ano ata o 15% do PIB" e o cociente débeda/PIB de Galicia "é 1,3 décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior", situándose 6,3 puntos por baixo da media das Comunidades autónomas.
"A débeda pública galega descendeu neste terceiro trimestre 929 millóns de euros", apuntou Alfonso Rueda. En comparación coas outras CCAA, a débeda galega supón unicamente o 3,6% do total, lonxe da de Comunidades como Cataluña (26,7%), Valencia (17,9%), Andalucía (12%) ou Madrid (11,1%). Así mesmo, a débeda media por habitante no terceiro trimestre ascende a 6.806 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.