Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 20:02
No seO número de casos de tuberculoses descendeu en Galicia desde 1996, ano o que se puxo en marcha o Programa de Prevención e Control, ata 2023, o último exercicio pechado, un 84,6%.
Así se desprende do último informe elaborado pola Consellería de Sanidade sobre a incidencia desta enfermidade na Comunidade, que analizou este luns o Consello da Xunta.
Segundo estes datos, no período 1996-2023 a incidente da tuberculose na comunidade descendeu de forma progresiva e constante, ao pasar dos 71,8 a 11,2 casos por 100.000 habitantes. Así, rexistrouse unha diminución media por ano dun 6,6%.
O número de novos casos de tuberculoses pasou dos 1.963 no ano 1996 a 302 en 2023, o que representa un descenso do 84,6% de casos.
En 2023, o 60,9% dos casos de tuberculoses presentáronse en homes. Por grupos de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. Ademais, o 6,6% dos casos foron diagnosticados en menores de 15 anos de idade e a localización máis frecuente foi a pulmonar (66,9%), dos cales o 44,1% foron casos bacilíferos (contaxiosos). O 71,9% dos casos rexistrados presentaron factores de risco, e o principal é o tabaquismo (24,2%).
TUBERCULOSE RESISTENTE A FÁRMACOS
O informe da tuberculose do ano 2023 refire que Galicia ten un nivel de resistencias baixo, e só o 19,2% dos casos presentaban algunha resistencia aos principais fármacos antituberculosos. Diagnosticáronse 2 casos de tuberculoses multirresistente, a forma máis grave de enfermidade.
Desde o ano 2020 Galicia implantou o novo réxime terapéutico, máis curto, co fin de mellorar a eficacia do tratamento das formas multirresistentes da enfermidade.
O documento abordado polo Executivo galego tamén constata a curación do 92,7% dos casos que iniciaron tratamento no ano 2022. Recibiron un tratamento rigorosamente supervisado polos equipos das unidades de tuberculoses o 68,1% e faleceron por mor desta enfermidade o 1,4% dos casos deste ano.
PLAN DE SAÚDE MENTAL
Por outra banda, o Consello da Xunta deu luz verde esta mañá á firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental Feafes) para dar continuidade ao programa 'Tecendo Saúde Mental'. O importe deste acordo é de preto de 240.000 euros, un 60% máis que o anterior.
CENTRO DE SAÚDE DE MEIS
Finalmente, o Consello autorizou na súa reunión a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do novo centro de saúde de Meis por un importe de 142.451 euros. O investimento estimado para a construción do novo centro de saúde ascende a 1,5 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.