Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 17/12/2024 | Actualizada ás 13:43
A Mesa pola Normalización Lingüística instou á Xunta de Galicia a "reactivar" o Plan de Normalización do galego vixente xa que, aínda con puntos a actualizar, consideran que o principal problema do mesmo é a non posta en marcha de moitas das medidas. Así o defendeu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, nunha rolda de prensa este martes na que anunciou que o vindeiro luns 23 de decembro reuniranse con membros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para abordar o Pacto pola Lingua no que a Xunta traballa desde hai meses.
Comentou que esta reunión responde a sucesivas peticións "ata agora sen resposta", a primeira delas cando o conselleiro tomou posesión, e outras dúas veces ata o 17 de novembro, data da última. A organización explicou que comparecen ante a prensa para insistir na situación de "urxencia" que vive o galego e reivindicar o apoio social co que conta, "como quedou claro na concentración do pasado 17 de novembro".
"Máis de 200 entidades sociais e miles de persoas pediron a reactivación dos acordos, baseada en medidas cun calendario de aplicación concreto, con recursos e cunha proposta de avaliación das medidas que están contempladas no Plan de Normalización", sinalou. Fronte a isto, lamentou que a "única acción" do Goberno aos datos publicados por INE, que evidenciaban unha "emerxencia lingüística extrema", foi "ir contra o galego". Refírese Maceira ao rexeitamento do uso de galego na Unión Europea ou a eliminación do requisito de coñecemento do galego para interino a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos.
"PROPOÑEN ACCIÓNS DE MERCADOTECNIA, MEDIDAS BALEIRAS"
Respecto das medidas propostas polo conselleiro José López Campos nos últimos meses, considera que se trata de "accións de mercadotecnia baleiras, sen ningún tipo de sustento detrás". "Propoñen accións redundantes como concursos, certames, mesmo se apropian doutras campañas que fan centros de ensino ou colectivos, sen establecer unha programación estable (...). Medidas que poderían servir para unha lingua que non é oficial", afirmou. Tamén censurou a actitude da Administración autonómica, que "non é precisamente de diálogo". "Parece que se limita a falar de liñas vermellas nun sentido ou noutro cando as únicas liñas vermellas que existen neste momento e que habería que eliminar son as que impiden o uso e exposición do galego en todos os ámbitos", aseverou.
"Cal é o problema que teñen co galego e por que non vale o que parecía que valía antes?", pregúntase Maceira, que lembrou que o Plan de Normalización ten unha "extensión importante, con diagnóstico e incentivos, con medidas concretas cuxa aplicación agora parece que se rexeita". "Cal é o medo?", continuou. Sobre isto, comentou que no prólogo do plan, o por entón presidente da Xunta, Manuel Fraga aseguraba "comprometerse persoalmente con cada unha das medidas recollidas". "Que ocorreu nestes 20 anos para que nin Núñez Feijóo nin Alfonso Rueda mantivesen a palabra dada polo presidente Fraga?", censurou.
REACTIVAR O PLAN DE NORMALIZACIÓN
A Mesa argumenta que o Plan de Normalización, "un proxecto de bases", é a "única maneira que existe agora mesmo" de cumprir coas indicacións do Consello de Europa. "Pola nosa banda, mantemos a disposición a colaborar na reactivación dos acordos, sempre que haxa unha disposición sincera para esta reactivación", apostilou. Isto debe facerse, argumentan, mediante un proceso "transparente, amplo e que conte coa participación das entidades sociais galegas". Para insistir nesta petición, avanzaron que convocarán unha concentración para o 23 de febreiro, Día de Rosalía, que finalizará na Praza do Obradoiro de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.