Temas: FRASEOLOXíA

“Tanto tes, tanto vales”, unha das varias equivalencias galegas do castelán “tanto tienes, tanto vales”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 22/12/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Tomando a remuda da pasada entrega, imos ver desta volta distintas secuencias expresivas galegas que, grosso modo, veñen a equivaler á castelá tanto tienes, tanto vales, coa cal basicamente se indica que o respecto, consideración e valía que na sociedade se lles outorga ás persoas adoitan estar intimamente ligados coas riquezas materiais que estas posúen.

Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo

Tanto tienes, tanto vales

Cuanto tienes, cuanto vales

Tanto vales cuanto tienes

{= Paremias con que se indica que o respecto, consideración e valía que na sociedade se lles outorga ás persoas adoitan estar intimamente ligados coas riquezas materiais que estas posúen.}

Tanto tes, tanto vales

Canto tes, canto vales

Canto tes, tanto vales

Tanto vales canto tes

Tanto é o teu valer coma o teu ter

[E MAIS]:

Canto temos, tanto valemos

Ex.: Lamentablemente, en este mundo todavía sigue rigiendo lo de “tanto tienes, tanto vales”..

Lamentablemente, neste mundo inda segue a rexer o de “tanto tes, tanto vales” o de “canto tes, canto vales” o de “canto tes, tanto vales” o de “tanto tes canto vales” o de “tanto é o teu valer coma o teu ter” o de “canto temos, tanto valemos”.

● Tamén:

Tanto vales como tienes: si no tienes más que cien reales, no más de ciento vales && Tanto vales como tienes: si no tienes más que cien reales, no vales más de cien reales

Se un peso tes, un peso vales

● Tamén, moi relacionas, e incidindo no mesmo tema:

Dinche as campás de Belén: “váleche quen ten” && “Vale quen ten”, din as campás de Toén && [E MAIS, MANTENDO NESTES CASOS A FORMA DIALECTAL “VAL”, NO CANTO DE “VALE”, PARA MANTER A RIMA DA PAREMIA]: “Quen ten, val”, din as campás de Rendal && Di a campá do Rendal: “quen ten val” && As campás de Amiudal din, sempre que as repenican: “quen ten val, quen ten val” && As campás de Amiudal, cando repenican din: “quen ten val, quen ten val” && “Quen ten, val; quen ten, val”, din as campás de Amiudal && Din as campás de Xeral: “quen ten, val”

● E mais tamén:

Quen ten vale && Quen ten vale, e o que non ten non vale nada

● E inda, só en contextos reducidos, e nunha liña semellante:

Cando era pobriño todos me chamaban Toniño; agora que teño abondo, para todos son don Antonio

● E inda tamén, facendo nestes casos fincapé na xente que ten pouca ou ningunha riqueza material:

Si nada tienes, nada eres && Sin dinero, el hombre es cero && Cuando yo tenía dinero me llamaban don Tomás, ahora que no lo tengo es Tomás y nada más

Neste mundo, a quen non ten chámanlle ninguén && A quen non ten chámanlle ninguén

● E mesmo, gardando relación e aplicable só en certos contextos:

Haxa diñeiro no bulsón, que non faltará quen lle faga o son

NOTA:

As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta