A Xunta defende tamén o proxecto da mina de Touro: "é distinto ao de 2017"

O proxecto fora denegado entón por non superar a avaliación de impacto ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, insistiu en que o proxecto de Cobre San Rafael e Atalaia Mining para a mina de Touro-O Pino que se atopa en fase de tramitación "é distinto" ao impulsado en 2017 e que foi denegado ao non superar a avaliación de impacto ambiental.

Así o trasladou en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Iria Carreira no pleno do Parlamento de Galicia, onde acusou á Xunta de "pór por diante os supostos 400 empregos que vai xerar a mina dos 4.000" que dependen do marisqueo "sen contar coa industria conserveira".

Despois de que a nacionalista situase ao Goberno galego na defensa "das empresas e os intereses comerciais" en lugar da defensa "dos recursos naturais e os sectores produtivos" de Galicia, a resposnable da área económica no Executivo autonómico colocou ao BNG "en contra de plano da actividade mineira".

Así, asegurou que daría "a mesma resposta" que lle trasladou en sede parlamentaria no mes de xullo, cando o Bloque levou a pleno o asunto tras ser declarado pola Xunta a mina de Touro-O Pino como proxecto estratéxico. Neste sentido, e despois de que Carreira instase á Xunta a aplicar o mecanismo lexislativo que permita tombar un proxecto que xa conta cunha declaración de impacto ambiental negativa, a conselleira remarcou que non pode realizarse porque existen "diferenzas" co proxecto presentado en 2017.

Entre elas, sinalou a nova definición da extensión das superficies, unha área de afección superior, os remeiendos aos pasivos antigos ou cambios na protección do patrimonio. En todo caso, incidiu en que corresponde aos técnicos da Xunta avaliar e determinar se cumpre coa normativa e que a petición de frear o proxecto suporía "prevaricar".

ALCOA

Lorenzana tamén respondeu en sede parlamentaria a unha pregunta sobre Alcoa, neste caso, feita pola deputada do PP Elena Candia, fronte á que afeou a actitude do Goberno despois da desconvocatoria 'sine die' da reunión de seguimento sobre o futuro da planta de San Cibrao --Cervo (Lugo)--.

Neste sentido, cre que o Goberno "perdeu unha oportunidade moi boa" hai dúas semanas "para explicar" como podería beneficiarse a planta mariñá das axudas de 600 millóns por custos de emisións. Así, a conselleira remarcou que "a solución" para Alcoa e o resto de industrias electrointensivas "é garantir a estas empresas unha subministración enerxética estable".

Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta