Alberto Amaro, xornalista: "Alguén dixo que para manter calado un xornalista hai que matalo de fame"

O xornalista mexicano Alberto Amaro fala sobre a súa experiencia como defensor dos dereitos humanos perseguido polo simple feito de exercer a súa profesión. Fundador de La Prensa de Tlaxcala, ten denunciado a varias autoridades presuntamente implicadas en delitos de corrupción. Así describe como é o seu traballo en México

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2024 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

-Actualmente estás en España e vas realixar unha xira co nome “Charla sobre Dereitos Humanos en México”. Explícanos os eixos desta palestra coa que estás percorrendo diferentes lugares do Estado.

Alberto Amaro
Alberto Amaro | Fonte: Amnistía Internacional

Son un xornalista mexicano e como moita xente xa sabe hai unha serie de investigacións por parte de 'Artículo 19', unha organización que busca protexer os xornalistas. Hai uns meses 'Artículo 19´ publicaba un traballo onde se describía México como un dos lugares máis perigosos para exercer o xornalismo sen ser un lugar onde haxa guerra. Desde o ano 2000 temos 168 xornalistas asasinados. 9 deles son mulleres e 31 xornalistas están desaparecidos. Pregúntanme cal é o por que desta situación e a resposta é a impunidade. A impunidade, case o 88% das denuncias de ataques e asasinatos a xornalistas non son investigados. En 2019 fundei La Prensa de Tlaxcala, que é un medio dixital, independente, crítico e onde falamos da corrupción, da delincuencia organizada e os cárteles. Desde ese ano recibimos ameazas e agresións polas noticias que publicamos, agresións como disparos con arma de fogo contra a miña casa, detencións arbitrarias como cando me detiveron por gravar uns policías extorsionando a unha xente que ía no seu carro, fun ameazado mediante as redes sociais aínda que o máis forte foi cando un grupo delictivo estivo a buscarme para que non seguise publicando sobre un grupo de policías de Tlaxcala.

-Poderíase dicir que a impunidade está institucionalizada?
En México temos unha Fiscalía federal especializada en delitos contra a libertade de expresión para que os xornalistas agredidos polo seu labor presenten denuncias, isto sen contar as fiscalías locais. É dicir, destas últimas non temos datos.

Recibimos agresións como disparos con arma de fogo contra a miña casa e detencións arbitrarias

-Como pode sobrevivir un medio independente nestas circunstancias? Porque será case imposible ter detrás apoios económicos de empresas ou institucións.
Si temos convenios de publicidade e dentro destes convenios temos unha cláusula onde se di que non deixaremos de publicar temas sobre corrupción. Agora mesmo temos tres apoios publicitarios a quen lles dixemos que é publicidade gubernamental mais non deixaremos de publicar aínda habendo actos corruptos dentro da súa administración Ademais disto, os xornalistas independentes, moitos, traballamos noutros sectores. No meu caso sei facer instalacións eléctricas, de vídeo ou mesmo pintar e todo isto facémolo para poder manter a familia. O xornalismo en México págase moi mal, non temos prestacións, non temos servizo médico ou agora en Nadal tampouco pagan o aguinaldo, carecemos de prestacións ou son moi precarias. Isto é a consecuencia dunha mala implementación de leis para poder termos máis prestacións. Aos gobernos corruptos convenlles a falta de prestacións para xornalistas. Existiu o caso dun político corrupto do PRI (Partido Revolucionario Institucional) que dixo: “para manter calado un xornalista hai que matalo de fame”.

O xornalista mexicano Alberto Amaro
O xornalista mexicano Alberto Amaro

-Existe máis prensa como o teu medio?
Si que existen. Lamentablemente, en México poderíase crer que os xornalistas agredidos escriben libros ou fan investigacións moi profundas, mais a realidade é que a inmensa maioría dos xornalistas asasinados son independentes, andan pola rúa e as mesmas autoridades non saben que irán publicar hoxe. Si se sabe que publicará un xornalista de investigación que anda detrás da corrupción policial en tal lugar, mais sobre o xornalista de rúa nunca saben que vai publicar hoxe.

-Como se desenvolve o traballo que realizades en La Prensa de Tlaxcala?
Desde 2019, cando recibimos agresións, incorporámonos ao Mecanismo de Protección para Defensores de Dereitos Humanos e Xornalistas. É unha institución dependente do Goberno federal, da Secretaría de Gobernación, e incorporámonos ao mecanismo de protección entregándonos un botón de pánico. Posteriormente as agresións foron aumentando con bloqueos nas estradas cando ía conducindo, non sabemos por que mais entendemos que era privarme da miña liberdade. Isto traduciuse en tres anos vivindo con escolta as 24 horas do día. Esta circunstancia limita moito o teu traballo porque cando alguén se achega a ti para denunciar feitos de violencia, de abusos de dereitos humanos mais non se achegan a ti cando ven xente armada ao teu redor.

Existiu o caso dun político corrupto do PRI (Partido Revolucionario Institucional) que dixo: “para manter calado un xornalista hai que matalo de fame”

-Non tes medo de que esa mesma escolta poida estar “vendida” para acabar coa túa vida?
Si, porque xa comentei os disparos contra min, dispararon contra o meu fillo cando xogaba no xardín da casa, tamén tentaron entrar na miña casa e logo envenenaron o meu can. Isto aconteceu en 2023, houbo grupos armados detrás de min para matarme.

-Falando dos cartel do narcotráfico, estes vanse movendo de estado en estado, é dicir operan primeiro nun estado e logo entran noutro?
Os cartel operan en todo México mediante células cada unha cun xefe na súa zona. Estes son os que dirixen os movementos de drogas en certos puntos, extorsión, homicidios e máis delitos de alto impacto. Os cartel teñen a solvencia económica e as persoas necesarias para trasladarse a calquera parte do mundo e comezar unha rede. O seu poder económico corrompe autoridades noutros lugares diferentes.

-Isto tamén implica o tráfico de persoas?
En Tlaxcala xa se falaba de tráfico de persoas porque se usaban casas onde encontraban entre 200 e 300 persoas baixo estancia ilegal en México e que isto estaba operado polos cartel. A Tlaxcala chámanlle, tristemente, o berce da trata de persoas e da trata de brancas. Isto xa é sabido a nivel internacional pois os “padrotes” (proxenetas) envían grupos de mulleres a outros lugares do mundo, China, Xapón, Europa ou Estados Unidos. É unha rede moi forte a implantada en Tlaxcala.

-Para que todo isto cambiase, que debería pasar en México?
Debera haber un cambio moi importante. En 2023, cando me fan unha avaliación de risco desde o goberno de México, a conclusión foi que eu non estaga en risco aínda despois de saberen da persecución dos cartel e os cortes de circulación. Aínda así, a conclusión foi que eu non estaba en risco. Durante esa avaliación estiveron comigo Artículo 19 e o CPJ (Comité para a Protección de Xornalistas) quen sinalaron o alto risco para a miña integridade persoal neses momentos. Pola súa banda, o Goberno sinala a detención dun membro do cartel que me perseguía. Mais os cartel teñen moitas persoas pagas, teñen moitos medios económicos para agredir a calquera persoa. Aí é cando se inicia unha liorta legal contra o goberno de México, contra o Mecanismo de Protección, solicito un amparo ao xuíz e con ese amparo aceptado evito que me retiren os escoltas. En setembro de 2023 CPJ contactoume con Amnistía Internacional en México que estaban investigando as agresións a xornalistas e as fallas do Mecanismo. Amnistía convídame a participar no informe Nadie Garantiza mi Seguridad. La verdad se protege. Neste informe falamos de tres xornalistas: Rubén Pat e Gustavo Sánchez. Eles estaban dentro do Mecanismo de Protección, aínda así foron asasinados. O terceiro xornalista deste informe son eu, aínda vivo. Debido ao informe, o meu caso coñeceuse en México e fóra do país. En xuño de 2024 eu ía cos escoltas e un policía achegouse co seu vehículo ao noso e ponme a pistola na cabeza e dime que eu publicara unha noticia en contra do seu irmán. Despois diso, coñezo a Esteban Beltrán, de Amnistía Internacional México que xunto con Amnistía Internacional España convídanme a participar nun programa que só existe en España. É un programa de acollida para defensores dos dereitos humanos. Por iso viñemos a miña familia máis eu e aquí viviremos un tempo.

Os cartel teñen a solvencia económica e as persoas necesarias para trasladarse a calquera parte do mundo e comezar unha rede

-Que sucederá despois do programa? Volverás ti só a México, volveredes todos ou quedaredes?
Agora mesmo é unha decisión que custa tomar, gustariamos de volver a México mais está o medo. Unha das posibilidades é que, pola seguridade da miña familia e a propia, terei que aplicar a autocensura, mais é unha idea aínda no aire.

-A autocensura limitará moito o teu traballo, mais iso podería parar todas as ameazas que recibes?
Póñoche un exemplo. Hai dous anos publiquei dúas noticias, unha onde falaba do xefe da policía estatal de Tlaxcala. Houbera un asalto a unha clínica veterinaria para roubar cachorros de cans de raza. Chegou a policía, procede á detención dos ladróns mais non pon os cans ao dispor da Fiscalía. Os cans quedan en mans do xefe da policía e eu escribo unha noticia onde lle chamo “el roba perros”. Posteriormente, chegaron elementos da Fiscalía para levar adiante unha orde de aprehensión contra un policía estatal acusado de secuestro mais “El roba perros” deixou que este policía escapara. Eu souben disto, tiña as miñas fontes, confirmo todo e publico a información. Ao final desa noticia escribo que nos vindeiros meses “El roba perros” podería pisar a cadea, cousa que foi así. A noticia causou malestar mesmo no Goberno por que o xefe dunha policía estatal permitise a fuxida dun axente acusado de secuestro e roubo. Pasou un tempo e o policía fuxido foi capturado e enviado á cadea onde só estivo uns meses. Saíu baixo un amparo presentado nos tribunais e de alí a moi pouco tempo é contratado como xefe do grupo onde estaban integrados os homes da miña escolta, non era xefe directo mais si era mando dentro do Servizo de Protección Federal. Non sei como sucedeu isto, mais eu sempre recorro ao principio de “todos somos inocentes até que se demostra o contrario”.

-Como consegues ter fontes que te informen sobre sucesos deste tipo, como as fidelizas por dicilo así?
Moitos preguntan: “por que es o primeiro en sabelo?” Simplemente, eu fun leal. Cando comecei a publicar moita xente quixo falar comigo, moitos policías, moitos servidores públicos que estaban contra a corrupción. Había policías que falaban de chaleco antibalas caducos, que tiñan armamento en mal estado, que non lles pagaran as prestacións e así comecei a publicar cousas como “morre un policía porque o chaleco estaba caduco”. Eses apoios que lles dei permitiume crear unha rede de apoio mesmo entre funcionarios que sufrían abusos por parte dos seus superiores. O día 17 de decembro publiquei que aos fiscais do departamento anticorrupción non lles pagaran o aguinaldo. Esa xente que me pasa información tamén me envía outros datos. O policía que non quixo falsificar un informe poñendo delitos que non se cometeron, é castigado. Esa é a xente que nos busca e nos pasa información.

Cando comecei a publicar moita xente quixo falar comigo, moitos policías, moitos servidores públicos que estaban contra a corrupción

-Por que o goberno de México involucrou as forzas armadas, o exército, na loita contra o narco, unas labores que corresponderían a organismos policiales?
Ese é un tema complicado que mesmo leva a Amnistía Internacional México está estudando a cuestión. O goberno di que un militar ten maior preparación que un policía, que un militar é máis difícil de corromper en comparación cun policía. Mais en México vemos que os militares non teñen cercanía coa poboación. Unha das estratexias é estar cerca da cidadanía mais un militar é pechado, toma as súas decisións e obedece máis a un grao castrense que unha autoridade politica.

-O que acontece en México como inflúe nos seus países veciños?
Inflúe moito, agora en México ten medo do novo presidente dos EEUU por sermos limítrofes con eles e tamén conta a veciñanza cos países latinoamericanos. Creo que México sempre foi moi independente, mais tanto o que sucede nos Estados Unidos como en América Latina si que nos afecta. Temos as persoas que transitan de maneira ilegal polo noso país (inmigrantes) con estancia ilegal en México. Os grupos delictivos obrigan a esta xente a ser delincuentes ou paguen cantidades grandes para metelos nos EEUU. 

Alberto Amaro en La Prensa de Tlaxcala
Alberto Amaro en La Prensa de Tlaxcala
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta