A provincia de Pontevedra rexistra o quinto peor ano de lumes da década, co dobre de hectáreas arrasadas que no 2023

As hectáreas arrasadas na provincia entre xaneiro e novembro de 2024 (700 hectáreas) superaron as cifras rexistradas, xa con datos definitivos, dos anos 2023, 2021, 2020, 2019, 2018 e 2014.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 23/12/2024 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A comezos deste mes de decembro, a conselleira de Medio Rural, María José González, comparecía a petición propia no Parlamento galego para dar os datos de incendios correspondentes ao que ía de 2024 (de xaneiro a novembro). Destacou que Galicia rexistrara 2.592 hectáreas queimadas, un descenso significativo en comparación coas 6.748,9 que arderan no 2023 (con datos definitivos); así como que as 1.785 hectáreas arrasadas no verán supoñen a cifra máis baixa na serie histórica en período de alto risco (xullo, agosto e setembro). "Estes son os datos do traballo ben feito", remarcaba a conselleira. E, por provincias, a de Ourense foi a que rexistrou o peor dato (898 hectáreas afectadas), seguida de Pontevedra (700 hectáreas), Lugo (321 hectáreas) e A Coruña (212 hectáreas).

Un helicóptero á beira dunha columna de fume no incendio de Moaña
Un helicóptero á beira dunha columna de fume no incendio de Moaña | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Así, e aínda que poidan parecer datos moito menos alarmantes que en anos anteriores, como tamén subliñou a conselleira, ao reducirse a máis da metade as hectáreas afectadas polo lume, hai que entrar polo miúdo a debullalos para darse conta dalgo que pasou desapercibido á hora de presentar o balance: a provincia de Pontevedra rexistrou un dos peores datos dos últimos 10 anos no que a incidencia dos lumes sobre o territorio se refire. De feito, as hectáreas arrasadas na provincia entre xaneiro e novembro de 2024 (700 hectáreas) superaron as cifras rexistradas, xa con datos definitivos, dos anos 2023 (317,85 hectáreas), 2021 (598,96 hectáreas), 2020 (433,78 hectáreas), 2019 (445,81 hectáreas), 2018 (472,11 hectáreas) e 2014 (114,64 hectáreas). É dicir, en realidade só houbo peores rexistros nos anos de 2022 (2.367,64 hectáreas), 2017 (21.167,01 hectáreas), 2016 (5.120,26 hectáreas) e 2015 (1.223,50 hectáreas).

Iso si, ben é certo que as outras tres provincias tiveron no 2024 (a falta de confirmar datos definitivos) o menor impacto dos lumes dos 10 últimos anos. No caso da provincia de Ourense, que foi a máis afectada este ano (898 hectáreas arrasadas), habería que remontarse ata o 2021 para atopar a segunda cifra máis baixa (975,21 hectáreas). Na provincia de Lugo, para atopar unha cifra de monte queimado semellante á deste ano (321 hectáreas), habería que retrotraerse ata o 2020 (422,30 hectáreas). E, na provincia da Coruña, unha superficie semellante á deste 2024 (212 hectáreas) ardeu o pasado ano 2023 (299,87 hectáreas). Pola contra, tanto na provincia de Ourense como na de Lugo, o ano da última década que acadou os peores rexistros foi o 2017, que deixou 30.448,32 e 8.225,89 hectáreas calcinadas, respectivamente; mentres que na provincia da Coruña o peor rexistro foi o do ano 2016, con 3.815,75 hectáreas calcinadas.

No conxunto de Galicia, cómpre resaltar que esas 2.592 hectáreas de monte que sucumbiron aos lumes deste 2024 supoñen a cifra máis baixa desde fai exactamente 10 anos. No 2014 a superficie arrasada polos incendios forestais foi de 1.991,14 hectáreas. Agora ben, aína que no 2014 as hectáreas calcinadas foron 600 menos, o número de lumes declarados incendios forestais como tal foi bastante maior: 178 fronte aos 105 notificados este ano (73 máis que no 2024). De feito, se nos quedamos unicamente co número de incendios, despois do 2024, o ano que menor número de lumes forestais rexistrou foi o anterior: no 2023 só se notificaron como incendios forestais un total de 149 lumes (44 máis que no presente ano). Ademais, tendo en conta que o obxectivo anual recollido no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2024 era de non superar as 18.489,13 hectáreas calcinadas, este cumpriuse cunha gran marxe: quedouse 15.897,13 hectáreas por debaixo.

Vista xeral do incendio na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, Pontevedra
Vista xeral do incendio na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo
Axentes do equipo de Bombeiros de Galicia traballan durante o incendio de Crecente
Axentes do equipo de Bombeiros de Galicia traballan durante o incendio de Crecente | Fonte: Adrián Irago - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Moine

Assi; eles, os madrilenhos ficam com o Gudarrama sem eucaliptos e muinhos de vento. Nom se lhe vaia a destroçar a paisagem; isso fica para os galegos.

1 Moine

Viva o eucalipto! Galiza ficará sem terra graças ao eucalipto, os seus incêndios obrigam a colmar a terra de auga que é arrastada por esta. Agora si, a oligarquia madrilenha terá os petos cheios de dinheiro graças à desertificaçom do nosso País. E agora o PP quer instalar Altri!