Máis de 10.000 quilos de lixo foron retirados do mar nos portos galegos en 2023

Foi no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2024 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A Xunta, a través de Portos de Galicia, constatou a recollida de máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego no pasado ano 2023, no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares. Así pois, ambas as iniciativas, centradas na recollida non intencionada de lixo durante as tarefas extractivas dos profesionais do mar, fundamentalmente da pesca, permitiron extraer 10.700 quilos de residuos, cun volume total de 108 metros cúbicos por parte da frota que opera nunha decena de portos de titularidade autonómica.

O proxecto Upcycling the Oceans comezou a desenvolverse no ano 2015, e involucra a profesionais do sector pesqueiro tanto en España como noutros países en Europa, Asia e África. No relativo a Galicia, participaron neste proxecto as frotas de Sanxenxo, Combarro, Corme, Celeiro e Burela, coordinadas polas confrarías de pescadores correspondentes. Pola súa banda, o proxecto Mares Circulares iniciouse no ano 2018 nos países da Península Ibérica cos obxectivos de limpar as súas costas, fondos mariños e espazos protexidos; fomentar a reciclaxe e impulsar a economía circular. En Galicia, no 2023 participaron neste proxecto un total de dezaseis embarcacións: 7 do porto de Ribeira, 6 do de Camariñas, 2 do de Bueu e as restantes da frota de Muros. Ambas as iniciativas, Upcycling the Oceans e Mares circulares foron impulsados por fundacións privadas e a administración portuaria colabora facilitando a súa execución.

Lixo Mariño
Lixo Mariño | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta