Sabes cales son as vilas máis acolledoras cos estranxeiros chegados a Galicia?

Burela, Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Baltar son os cinco concellos galegos con maior número de estranxeiros entre a súa poboación, segundo os datos do INE.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/01/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia sempre foi terra de migrantes, e é por iso que, ao igual que no seu momento nos acolleron aos galegos en moitos países de Latinoamérica e Europa, principalmente, tamén hoxe nós abrimos as portas da nosa terra a persoas procedentes doutros países que chegan a Galicia na procura dunha vida mellor. Así, na actualidade os estranxeiros supoñen un 5,74 % da poboación total da Comunidade: 155.281 de 2.705.833 galegos. Ademais, tal e como se reflexa nos últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), un total de 28 dos 313 concellos que conforman a nosa terra acollen entre os seus veciños a máis de 1.000 migrantes. Dende o Galicia Confidencial realizamos unha análise de cales son eses lugares que teñen máis poboación estranxeira entre os seus habitantes e, polo tanto, os máis acolledores para os recén chegados a Galicia.

Inmigrantes con destino ao estranxeiro
Inmigrantes con destino ao estranxeiro | Fonte: Arquivo

En contra do que puidera pensarse nun primeiro momento, aínda que si son as sete grandes cidades as que contan cun maior número de estranxeiros entre o seu total de habitantes, non son as que teñen maior porcentaxe de poboación migrante. De feito, por porcentaxe de estranxeiros entre a súa poboación, o concello galego máis acolledor para os migrantes sería Burela, con 1.276 migrantes entre os seus 9.555 veciños, é dicir, un 13,55 %, o que significa que neste municipio da mariña lucense case 14 de cada 100 veciños son estranxeiros. O segundo concello con máis estranxeiros entre os seus habitantes sería Verín, con 1.813 migrantes entre os seus 13.767 habitantes (un 13,17 % de estranxeiros); e o terceiro sería O Barco de Valdeorras, con 1.637 estranxeiros entre os seus 13.302 habitantes (un 12,31 % de migrantes). O cuarto posto ocuparíao Monforte de Lemos, con 2.053 estranxeiros entre os seus 18.572 habitantes (un 11,05 %); e no quinto estaría Baltar, onde hai unicamente 86 estranxeiros, pero para os seus escasos 857 veciños (un 10,04 %). Como vemos, case todos se tratan de concellos que superan ou están preto dos 10.000 habitantes, agás o chamativo caso de Baltar e, ademais, atópanse todos eles nas provincias de Lugo e Ourense.

Volvendo ao caso das sete grandes cidades, cal é a máis acolledora para os estranxeiros segundo indican as cifras? A Coruña, onde hai 21.111 migrantes (no 2023 eran 18.682, polo que aumentaron considerablemente no último ano) dentro dos seus 249.255 habitantes, o equivalente a un 8,47 % da poboación total. No segundo posto estaría Lugo, con 8.393 migrantes (no 2023 eran 7.398) entre os seus 99.365 habitantes (un 8,45 % da poboación). O terceiro posto sería para Ourense, con 8.576 estranxeiros (no 2023 eran 7.784) formando parte dos seus 104.725 habitantes (un 8,19 %). Xa no cuarto lugar aparecería Vigo, con 20.863 migrantes (no 2023 eran 19.011) entre os seus 295.523 poboadores (un 7,06 %). No quinto estaría Santiago de Compostela, con 7.013 estranxeiros (no 2023 eran 6.309) formando parte dos seus 99.491 habitantes (un 7,05 %). No sexto aparecía Ferrol, con 3.600 estranxeiros (no 2023 eran 2.897) entre os seus 64.358 habitantes (un 5,59 %). E no sétimo e último lugar estaría Pontevedra, con 4.528 migrantes (no 2023 eran 4.044) formando parte dos seus 83.106 poboadores (un 5,45 %).

Deixando agora a un lado as cidades, hai 4 vilas galegas que tamén son altamente elixidas polos estranxeiros cando chegan a Galicia, tal e como se reflicte nas súas cifras, pois as 4 contan con máis de 2.000 migrantes entre os seus veciños: Ames (2.085 estranxeiros entre os seus 32.799 habitantes, o equivalente a un 6,36 %); Arteixo (2.667 estranxeiros entre os seus 34.008 habitantes, o que supón un 7,83 % da poboación); Vilagarcía de Arousa (2.083 estranxeiros entre os seus 37.831 poboadores, o que vén ser un 5,51 %); e Monforte de Lemos (2.053 estranxeiros entre os seus 18.572 veciños, o equivalente a un 11,05 %). Así mesmo, por enriba dos 1.000 estranxeiros entre os seus habitantes hai nada menos que 17 concellos galegos máis: Cambre (1.171 estranxeiros entre os seus 24.784 poboadores); Carballo (1.128 entre 31.573 habitantes); Culleredo (1.898 entre 31.047); Narón (1.578 entre 39.320); Oleiros (1.942 entre 38.304); Ribeira (1.510 entre 27.030); Sada (1.255 entre 17.193); Sarria (1.133 entre 13.534); Viveiro (1.279 entre 15.239); Burela (1.276 entre 9.555); O Barco de Valdeorras (1.637 entre 13.302); O Carballiño (1.231 entre 14.078); Verín (1.813 entre 13.767); Lalín (1.803 entre 20.250); O Porriño (1.262 entre 20.703), Ponteareas (1.040 entre 23.208); e Tui (1.280 estranxeiros entre os seus 17.538 habitantes).

A estes casos habería que sumar outros 26 concellos que están por enriba dos 500 estranxeiros entre a súa poboación: Tomiño (670 estranxeiros entre os seus 13.856 habitantes); Silleda (632 entre 8.880); Sanxenxo (778 entre 17.898); Salvaterra de Miño (967 entre 10.459); Redondela (792 entre 29.031); Poio (677 entre 17.412); Nigrán (712 entre 18.200); Mos (583 entre 15.135); Marín (926 entre 24.089); A Guarda (653 entre 10.064); O Grove (524 entre 10.886); A Estrada (710 entre 20.133); Cangas (829 entre 26.731); Cambados (556 entre 13.834); Xinzo de Limia (664 entre 9.622); Barbadás (650 entre 11.163); Vilalba (749 entre 13.822); Ribadeo (716 entre 9.971); Foz (801 entre 10.276); Chantada (565 entre 8.078); Teo (559 entre 19.133); Ordes (937 entre 12.762); Noia (530 entre 14.069); Melide (596 entre 7.750); Boiro (664 entre 18.998); e Betanzos (904 estranxeiros entre os seus 13.225 veciños).

Tamén resulta interesante botar unha ollada ao número de estranxeiros que forman parte da poboación dos concellos menos poboados de Galicia. Así, dentro dos seis con menos de 500 habitantes, o que maior número de migrantes alberga é Negueira de Muñiz, con 20 estranxeiros entre os seus 240 veciños (un 8,33 % do total da poboación); seguido de Larouco, con 18 estranxeiros entre 439 veciños (un 4,10 %); Pontedeva, con 18 estranxeiros entre os seus 458 habitantes (un 3,93 %); A Teixeira, con 10 entre 328 poboadores (un 3,05 %); Beade, con 8 entre 364 veciños (un 2,20 %); e Chandrexa de Queixa, en última posición, con 10 estranxeiros entre os seus 481 habitantes (un 2,08 %).

E no caso dos concellos que teñen menos de mil habitantes, as porcentaxes de estranxeiros serían as seguintes: San Xoán de Río (5,20 %); Ribeira de Piquín (2,44 %); Vilariño de Conso (1,76 %); Parada de Sil (8,99 %); Muras (6,51 %); Quintela de Leirado (8,43 %); Mondariz-Balneario (8,01 %); Triacastela (4,11 %); Montederramo (3,86 %); Punxín (4,89 %); Gomesende (6,56 %); Calvos de Randín (4,48 %); Xunqueira de Espadañedo (3,43 %); Os Blancos (2,79 %); Lobeira (3,36 %); Vilar de Santos (2,89 %); Porqueira (2,26 %); Manzaneda (4,64 %); Petín (5,47 %); O Bolo (3,43 %); A Veiga (5,20 %); Verea (4,52 %); Ribas de Sil (3,30 %); Baltar (10,04 %); Castrelo do Val (2,73 %); Pedrafita do Cebreiro (2,33 %); Beariz (3,16 %); A Arnoia (3,22 %); Ourol (4,67 %).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta