Por Europa Press / Redacción | MADRID | 03/01/2025 | Actualizada ás 10:59
A terceira e última fase do dispositivo especial de tráfico para este Nadal arrinca este venres, ás 15 horas, cunha previsión de 4 millóns de desprazamentos ata a medianoite do luns día 6. Ata o momento, 44 persoas perderon a vida en accidentes de circulación desde o inicio da operación de Nadal o pasado 20 de decembro. Ante a previsión de cambio meteorolóxico, a DGT advertiu de que fenómenos adversos como a choiva prevista para os próximos días poden condicionar a circulación e lembra a existencia de información na web sobre condución con xeo, néboa, choiva, vento ou neve.
Así mesmo, aconsella organizar a viaxe con tempo e consultar calquera incidencia que poida xurdir nas estradas a través dos boletíns de tráfico dispoñibles en emisoras de radio e televisión, na páxina web www.dgt.es, en Twitter (@DGTes e @InformacionDGT) e chamando ao teléfono 011. Tamén aconsella prestar atención á circulación nesta época de inverno, informándose das condicións meteorolóxicas e levar os elementos imprescindibles para circular se estas fosen adversas; máxima precaución nos traxectos curtos e nocturnos, aínda que sexan coñecidos e absterse de inxerir bebidas alcohólicas ou outras drogas se se ten que conducir, así como abrochar o cinto de seguridade ou ancorar de forma correcta aos menores nos sistemas de retención infantil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.