Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2025 | Actualizada ás 20:18
Membros da comunidade venezolana mobilizáronse en distintas localidades de Galicia, con apoio doutros cidadáns e de dirixentes do PPdeG, en defensa "da liberdade e da democracia" no país en vésperas da toma de posesión presidencial de Nicolás Maduro. As protestas reprodúcense noutras cidades de España e de distintos países.
Na liña coa directriz estatal do partido, o PP galego mostrou o seu apoio ao pobo venezolano "na súa loita pola liberdade e a democracia", á vez que lamentou que os partidos da esquerda galega "opten polo silencio cómplice coa ditadura bolivariana, como fai o socialismo, ou directamente por defender os ideais dun tirano como Nicolás Maduro, como ocorre co BNG".
Deste xeito, dirixentes da formación participaron en mobilizacións que tiveron lugar ao longo da xeografía galega: desde o Obelisco da Coruña ata a Praza Roxa de Santiago de Compostela, a Praza Maior tanto de Lugo como de Ourense, ou a Praza Elíptica de Vigo.
En Ourense estiveron presentes, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, que trasladaron "a súa obrigada solidariedade como demócratas aos milleiros de venezolanos que encheron as urnas de votos pola liberdade e contra a tiranía". Pola súa banda, os representantes do PP de Ourense reivindicaron que "Venezuela e os seus cidadáns merecen que se acabe coa represión no país e empezo a ansiada transición cara a unha democracia lexítima e soberana".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.