Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/01/2025 | Actualizada ás 22:00
Hoxe por hoxe semella que xa moita xente se esqueceu de que non fai moito unha pandemia causada por un coronavirus foi quen de poñer en xaque a supervivencia da humanidade e de paralizar o mundo, os expertos xa teñen a mirada posta en cal podería ser o virus que volvese desencadear no futuro unha alerta sanitaria de tal magnitude, convencidos de que máis tarde ou máis cedo volverá pasar. E é que, deixando a un lado o covid (causante de entre 15 e 30 millóns de mortes en todo o mundo), ao longo da historia da humanidade sempre foron xurdindo determinados virus que ameazaron á nosa especie: a praga de Justiniano (541-542) causou entre 25 e 50 millóns de mortes; a peste negra (1347-1351), entre 75 e 200 millóns; a viruela (1520), 56 millóns; a mal chamada Gripe Española (1918-1919), entre 40 e 50 millóns; e o VIH/SIDA (1981-actualidade), entre 25 e 35 millóns de mortes. Por fortuna, aprendemos a facerlle fronte e mesmo a erradicalos, pero, cal será o próximo? O Galicia Confidencial fala co epidemiólogo e catedrático xubilado de Medicina Preventiva na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Juan Gestal.
Podería ser o virus da gripe o causante da próxima pandemia? Para Gestal, "a ameaza dunha futura pandemia de gripe é unha ameaza real". Máis en concreto, sinala que "actualmente estase prestando unha atención especial á gripe aviaria producida polo virus A (H5N1), que nos últimos tempos non só afecta ás aves, senón tamén a mamíferos mariños e terrestres". Ao respecto, o epidemiólogo asegura que "na actualidade preocupa moito a aparición en outubro dun caso nun porco en Oregón e a importante afectación do gando leiteiro nos Estados Unidos". Tamén cita o caso que fixo saltar todas as alarmas no mes de novembro: o dun adoslescente de Canadá cuxa fonte de infección non se coñece aínda. Este mozo acudiu ao médico por conxuntivite e tos e, seis días despois, foi conectado a un respirador artificial, permanecendo durante semanas en estado crítico. Tras as probas, deu positivo en gripe aviar coa cepa H5N1.
ESTADOS UNIDOS CONTA CON MÁIS DE 700 RABAÑOS DE VACAS LEITEIRAS AFECTADAS EN 15 ESTADOS E ALO MENOS 58 TRABALLADORES AGRÍCOLAS
O virus da gripe aviaria non é nada novo. Apareceu por primeira vez nas granxas avícolas de Hong Kong en 1997, onde matou a case o 100 % dos polos, causando hemorraxias internas e destruíndo múltiples órganos dunha maneira que lembraba ao ébola nos humanos. Dende entón, sucesivas oleadas de infección, propagadas por aves silvestres, asolaron as granxas avícolas de todo o mundo. Sen embargo, recentemente, o H5N1 deu un importante paso evolutivo cara os humanos. No 2022 foi quen de arrasar unha poboación de elefantes mariños en Arxentina, matando a milleiros deles cunha taxa de mortalidade do 97 %. Esa era a primeira vez que se tiña constancia de que o virus se instalara nunha especie de mamífero. Ata entón, as persoas e outros mamíferos que enfermeran contraeran o virus por contacto directo coas aves. Pero os elefantes mariños pasábano dos uns aos outros. Cando a comunidade científica publicou os seus achados en xuño, o virus H5N1 xa infectara a outra especie de mamíferos: as vacas leiteiras.
"O primeiro caso en vacas leiteiras detectado nos Estados Unidos remóntase ao mes de marzo", como lembra Gestal, que apunta a que, dende entón, "confirmáronse máis de 700 rabaños afectados en 15 Estados do país e alo menos 58 traballadores agrícolas que enfermaron levemente despois dun contacto próximo coas vacas infectadas, incluíndo o seu leite, ou por contacto con aves de curral infectadas". Todo isto, como sinala o epidemiólogo, "levou ao Goberno dos Estados Unidos a ordenar, o pasado 6 de decembro, a realización de probas na subministración nacional de leite para detectar o virus da gripe aviar e así monitorar mellor a propagación do virus nas vacas leiteiras". As probas comezaron a partir do 16 de decembro, no leite crú de granxas leiteiras de California, Colorado, Míchigan, Mississippi, Oregón e Pensilvania. De todos os xeitos, Gestal fai un chamamento á calma, xa que asegura que "o consumo de leite pasteurizado non supón ningún problema". Ademais, un comunicado emitido o pasado 10 de decembro polo Ministerio de Sanidade de España aseguraba que "ata a data non se detectaron casos de influenza aviaria A (H5N1) en gando bovino na Unión Europea nin no Espazo Económico Europeo (EU/EEE)".
PRIMEIRA MORTE POR GRIPE AVIARIA NUN HUMANO EN EE.UU.: UN HOME MAIOR DE 65 ANOS QUE TIVO CONTACTO CON AVES ENFERMAS QUE TIÑA NO SEU PATIO
En Estados Unidos, pola contra, a enfermidade está lonxe de estar controlada. En decembro, os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) confirmaron o primeiro caso grave de gripe aviaria no país nun humano, no Estado de Luisiana. O paciente, un home maior de 65 anos que estivera en contacto con aves enfermas que tiña no patio traseiro da súa vivenda e que padecía afeccións médicas subxacentes, faleceu a comezos deste mes de xaneiro de 2025, despois de estar varios días ingresado no hospital, convertíndose así na primeira morte por gripe aviaria coñecida nos Estados Unidos. Actualmente, os científicos amósanse preocupados porque a circulación que o virus está tendo entre os rabaños de vacas chegue a darse entre os porcos, porque de ser así as posibilidades de que xurdise unha versión humana aumentaría, xa que os porcos poden infectarse ao mesmo tempo por virus aviarios e humanos, o que suporía un caldo de cultivo perfecto para que a gripe aviar lograse dar o salto definitivo aos humanos.
Gestal apunta a unha publicación recente na prestixiosa revista 'Science' dun estudo que "sinala que unha soa mutación (antes pensábase que eran precisas tres) na hemaglutinina do clado 2.3.4.4b do virus aviario A (H5N1), detectado recentemente en vacas leiteiras nos Estados Unidos, podería mellorar significativamente a súa capacidade de unirse a células humanas, requisito clave para a transmisión sostida de humano a humano, conventíndoo así nunha ameaza potencialmente pandémica". Esa mutación achouse en mostras do virus tomadas ao adolescente de Canadá e pode ser a causa da súa enfermidade. Aínda así, os científicos insisten en que aínda non hai probas de transmisión entre humanos. Segundo os CDC, en xeral, o risco para a saúde pública do virus H5N1 é actualmente 'baixo'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.