Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/03/2016 | Actualizada ás 11:00
O colectivo de logopedas de Galicia tamén denuncia intrusismo laboral. Foi este domingo durante a celebración do Día Europeo da Logopedia cunha gala na Coruña, ante a que advertiron da "falta de compromiso" universitario coa súa profesión.
Por iso, aproveitaron esta xornada para informar e sensibilizar ás institucións políticas e á sociedade da importancia que teñen os logopedas na saúde pública. Baixo o lema "Todos unidos pola comunicación", informaron e concienciaron á poboación europea sobre os diferentes trastornos da linguaxe e da comunicación.
Neste sentido, advirten das administracións e o aviso de que algunhas universidades formulan nos seus plans de estudo dobres titulacións que "ademais de desvirtuar este ensino tan específico, deixan en mans doutros colectivos profesionais a impartición das especialidades logopédicas", engaden.
Un total de 378 logopedas compoñen o colectivo colexial en Galicia e foi a Universidade da Coruña, que imparte esta especialidade, da que saíu a primeira promoción en 1999, informan fontes do colexio galego.
A logopedia é unha disciplina que trata problemas presentes nos campos da fala, da linguaxe, da voz e da comunicación desde o campo cognitivo, físico e fisiológico, e a súa actuación inclúe a atención temperá, centros de saúde ou centros educativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.