Allariz aplicará unha redución do 15% na taxa do lixo para quen realice unha recollida selectiva

A nova ordenanza fiscal aprobada polo concello busca adaptarse ás necesidades de vivendas e establecementos, dar cumprimento á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, e poder facer fronte ao aumento dos custos impostos por SOGAMA.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 17/01/2025 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz aprobou no pleno de outubro de 2024 unha nova ordenanza que regula as taxas de recollida de lixo. Esta normativa introduce novidades que buscan afrontar a subida de custes de Sogama, adaptarse ás necesidades das vivendas e das actividades económicas, así como dar cumprimento á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

O concelleiro de Medio ambiente, Bernanrdo Varela. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
O concelleiro de Medio ambiente, Bernanrdo Varela. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O incremento dos custos impostos por SOGAMA, que durante o 2024 pasou de cobrar 56,01 €/t en 2023 a 66,01 €/t no primeiro semestre de 2024 e 88 €/t no segundo semestre de 2024, representa, segundo trasladan do concello: "un impacto estimado de 50.000 € adicionais no orzamento municipal para a xestión de residuos". Para o 2025, SOGAMA anunciou unha nova subida, situando o custo por tonelada en 108 €/t. "Estes incrementos fan necesario un axuste nas taxas para garantir a sostibilidade do servizo", explican tamén.

BONIFICACIÓNS PARA A RECOLLIDA SELECTIVA

Como parte das medidas incluídas na nova ordenanza, o Concello ofrece unha redución do 15% na taxa para aquelas persoas ou establecementos que realicen unha recollida selectiva adecuada da fracción orgánica ou opten por facer compostaxe tanto comunitario como individual, fomentando así prácticas sostibles.

Para solicitar a bonificación cómpre presentar unha solicitude antes do 1 de febreiro de 2025 e achegar como documentación copia do NIF, unha declaración responsable --na que a persoa ou establecemento se compromete a realizar unha recollida selectiva axeitada-- e documento de representación segundo o caso.

Tanto a ordenanza como a declaración responsable para a bonificacion da taxa do lixo están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica para que se poidan consultar e descargar.

Para facer seguimento da responsabilidade da veciñanza, o Concello poderá realizar inspeccións anuais para verificar a continuidade e a correcta separación da fracción orgánica nos establecementos e vivendas que soliciten a bonificación.

DECLARACIÓNS DA CONCELLERÍA DE MEDIOAMBIENTE

Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, xustifica a aprobación desta normativa fiscal actualizada das taxas do lixo, afirmando que, "con esta nova ordenanza buscamos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos en Allariz, promovendo a implicación de toda a veciñanza e das actividades económicas na reciclaxe e na redución de residuos. Ademais, aseguramos que o Concello cumpre coa Lei 7/2022, fomentando unha economía circular que protexa o medio ambiente e mellore a calidade de vida de toda a cidadanía. Non obstante, os incrementos de custo impostos por SOGAMA e a Xunta de Galicia representan un gran desafío para o equilibrio económico do servizo, e precisamos o apoio de todas e todos para manter un servizo de calidade e minorar as toneladas de residuos sin separar que van a SOGAMA a incineración ou enterramento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta