A Xunta incorporará as competencias de metereoloxía na Lei do Clima

A conselleira de Medio Ambiene di que é para "evitar duplicidades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dixo este xoves que a Xunta "non vai dar nin un paso atrás na reclamación de competencias" ante o Goberno central e ratificou que a Lei do Clima que xa prepara o Executivo galego incluirá as competencias na materia que se reclaman para "evitar duplicidades", co obxectivo de "non perder tempo" na xestión directa da meteoroloxía.

Así o dixo durante a presentación do balance climático correspondente a 2024, un acto no que avanzou que a Lei do Clima na que xa traballa a Xunta estará lista, previsiblemente, "no segundo semestre deste ano" e entre a súa regulamentación incluirá xa as competencias que o Goberno galego está a reclamar ao estatal en materia de meteoroloxía e clima.

A intención, dixo Vázquez, é "non perder tempo" e avanzar en mecanismos que permitan facer fronte de maneira máis específica aos retos climáticos galegos, evitando tamén "duplicidade de esforzos" entre o Executivo central e o galego. Paralelamente, Presidencia está a traballar na solicitude formal destas competencias meteorolóxicas, que deben "seguir a canle normal". "Mentres, iremos avanzando lexislativamente na Lei do Clima para non perder tempo", dixo a conselleira.

Ángeles Vázquez criticou que o delegado do Goberno, Pedro Blanco, "adiantouse dicindo que non vai se é posible" este traspaso, algo que, lembrou, "tamén pasou coa lei do litoral". "Terán que dicir os motivos desa negativa, que non os coñezo", apuntou a responsable de Medio Ambiente que, no entanto, afirmou que seguirán "reivindicando as competencias en materia climatolóxica". "Non imos dar un paso atrás", engadiu. Sobre a reclamación destas competencias, Vázquez sinalou que a evolución climática fai necesario unificar esforzos e evitar que, por exemplo, os servizos de emerxencias teñan "dualidade de alertas". "Podemos facelo mellor", concluíu.

URXE RATIFICAR O TRASPASO DO LITORAL

Noutra orde de cousas, a conselleira de Medio Ambiente urxiu ao Goberno central que se asine de maneira efectiva o traspaso de competencias do litoral e que se "faciliten os expedientes" anteriores. Sen iso, apuntou, non se poden xestionar cuestións como a instalación de chiringuitos nas praias, en área de dominio marítimo terrestre.

O Goberno central, aclarou, pediu "tempo para pechar o ano", pero a conselleira lembrou que "xa está avanzado o mes de xaneiro" e a firma aínda non está. "Ben que o axilizaron no País Vasco", criticou, alentando ao Executivo de Pedro Sánchez a que "se non están polo labor, non nos enganen".

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta