Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 22/01/2025 | Actualizada ás 21:50
Fai menos dunha semana da desarticulación dun grupo de sete albaneses que trataba de introducir 1.100 quilos de cocaína en Galicia a través de Vilanova de Arousa a bordo dunha narcolancha de 12 metros de eslora. A investigación, baixo o nome de Operación Baroña, comezara xa no mes de novembro, cando as unidades policiais (a Unidade contra o Crime Organizado en Galicia e o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga en Pontevedra da Garda Civil, así como o Grupo de Resposta contra o Crime Organizado da Policía Nacional) detectaron a posible actividade ilícita que estaba levando a cabo unha organización criminal instalada no Salnés. A gran sorpresa chegou cando os policías comprobaron que os obxectivos policiais eran de nacionalidade albanesa e que se movían de maneira independente pola comarca. A única relación deste grupo balcánico coas redes galegas foi a dun veciño de Vilanova de Arousa, tamén arrestado no marco do mesmo operativo, aínda que semella que desempeñou un papel menor, con funcións que se limitarían á colaboración nas necesidades básicas que a banda puidese ter sobre o terreo.
"Isto constata que xa se fixeron realidade os peores temores que tiñamos: o asentamento de bandas estranxeiras na nosa terra", lamenta o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando J. Alonso, que destaca que "é a primeira vez que se detén a bordo dunha planadora a unha tripulación 100 % formada por non galegos". Dende o seu punto de vista, episodios coma este son unha proba de que "unha actividade como é a introdución de droga en Galicia, que antes facían case en exclusiva os galegos, agora xa non vai ser como a coñeciamos", porque "que se detectase esta banda albanesa non vai ser algo anecdótico nin un feito illado, senón que seguirá pasando". Sen ir máis lonxe, cita a captura tan só unha semana antes do episodio de Vilanova doutra banda de nove albaneses que ían facerse cargo doutro cargamento de 1.100 quilos cocaína que se dirixía ao porto de Vigo.
"ESTAS BANDAS TRAEN OUTRO PERIGO ENGADIDO PARA NÓS: MÉTODOS TREMENDAMENTE VIOLENTOS"
Así as cousas, para o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, "estes feitos non son casuais" e "o problema do narcotráfico agora é que unha das súas características, ademais do incremento bestial que está sufrindo a produción, é que se está globalizando por completo, ao igual que acontece con moitas outras cousas". Deste xeito, "o que antes era cousa case exclusiva de colombianos e galegos, agora xa se abre a colombianos, galegos, brasileiros, ecuatorianos, marroquís, mexicanos e, por suposto, albaneses ou balcánicos". Precisamente son estas mafias do leste de Europa as que máis preocupan a Alonso, pois "traen outro perigo engadido para nós: métodos tremendamente violentos de comportamento que evidencian que se está abrindo un escenario ante nós do que non cómpre agardar nada bo".
Agora ben, estas bandas non chegan a operar en Galicia de cero, sen coñecemento do territorio ou das autoridades. Para poder instalarse e realizar as súas operacións de descarga na nosa terra contan con contactos galegos, algo que tamén se puxo de manifesto na captura de Vilanova. "É certo que cada vez hai maior protagonismo das bandas do leste sobre as bandas galegas, pero, indubidablemente, para meter droga en Galicia o lóxico é que teñan contacto coa organización correspondente ou cun enlace aquí que lles facilite o posible lugar para gardar esa droga", explica ao Galicia Confidencial Alonso, que exemplifica que "primeiramente terán que indicarlles algunha instalación para gardala ata que esta vaia ser distribuída, porque normalmente non se descarga e se leva a mercadoría directamente ata o punto de destino final, senón que se descarga e se garda temporalmente, durante un mes ou dous, para 'enfriala', é dicir, para esquivar a presión policial, que aumenta no momento en que se ten coñecemento dun desembarco".
"ÁS ORGANIZACIÓNS DE NARCOTRAFICANTES QUE LEVAN LARGO TEMPO TRABALLANDO NO PAÍS SON AS QUE ABRIRON AS PORTAS A ESTAS BANDAS"
Ante esta realidade, o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico prevé un futuro complicado na loita contra o tráfico de drogas. "A complicidade entre bandas de Europa do leste con organizacións locais e o que non traballen en exclusiva cada organización polo seu lado, vén sumar un problema máis ao perigo que supón a violencia destas bandas: dificulta máis a investigación policial", apunta. Así, "aínda que xa o estabamos vendo, porque xa temos antecedentes en anos pasados da presenza da albaneses no mercado da droga galego, a cousa irá a máis", anticipa. Ademais, Alonso sinala que "estas organizacións xa contan tamén con presenza permanente nos países de orixe da droga, como Colombia, Ecuador, México ou Brasil, onde hai bandas albanesas xa afincadas que o que fan é levar o cargamento correspondente ata os seus socios en España e, en particular, en Galicia". Aínda con todo, o de Vilanova foi un episodio substancialmente relevante porque foi a primeira vez que se detectou un 100 % de cidadáns non galegos a bordo dunha planadora que estaba entrando nas costas galegas.
O que chama poderosamente a atención é a irrupción no panorama do narcotráfico tradicional (bandas latinoamericanas e galegas) destas bandas de Europa do leste, principalmente albanesas. Ao respecto, Alonso explica que débese ao "efecto globalizador". "Hai organizacións de moi distintos países intentando introducir a droga por moi distintos puntos, e España, por desgraza, é un dos puntos quentes e dos lugares favoritos para estas organizacións para introducir a droga con destino a Europa", apunta. Por que? Como sinala, "unha das razóns é a súa posición xeográfica, en particular a de Galicia, e outra o largo tempo que levan traballando as organizacións de narcotraficantes no país, ás que tamén lles debemos que abriran as portas a estas bandas", lamenta. E lembra como, fai cousa de dous anos, desarticularon en Cotobade un laboratorio de produción autóctona e autónoma de cocaína, conformado exclusivamente por mexicanos e colombianos. "Non eran albaneses, pero é un exemplo máis dos tempos que nos agardan: organizacións estranxeiras tentando asentarse nun destino moi atractivo para eles e organizacións locais que seguen operando", plantexa.
"ANTES O TRÁFICO DE DROGA ESTABA MOI ESPECIALIZADO NUNHA SUBSTANCIA, PERO AGORA HAI ORGANIZACIÓNS QUE TRAFICAN CON VARIAS SUBSTANCIAS"
No tocante ao tipo de mercadoría, aínda que a cocaína segue chegando en inxentes cantidades, cada vez tamén hai unha maior presenza da heroína. A este respecto, o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico apunta que "Galicia é unha das portas de entrada da cocaína con destino a media Europa, pero no caso da heroína, xa non é que sexa a porta de entrada, senón que é o destino final ou case final dos cargamentos, que logo se empregan para abastecer o mercado galego o do norte de Portugal". Pero o que si considera que poder supoñer un problema engadido a esta entrada que xa se coñecía dende hai un tempo é o feito de que "antes o tráfico de droga estaba moi especializado nunha substancia, mentres que agora hai organizacións que, aínda que no caso da heroína seguen estando moi especializadas, trafican e traballan con varias substancias ao mesmo tempo, tanto con cocaína como con heroína". E, precisamente, "as bandas albanesas comezaron introducíndose en España coa heroína, aínda que noutros lugares teñen moita presenza tamén nas plantacións de marihuana".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.