Altri-Greenalia, os novos pasos do lobby que quere dominar o negocio da madeira e a enerxía en Galicia

A multinacional portuguesa reforza a súa presenza en Galicia e a súa alianza con Greenalia, a través de Smarttia, o holding empresarial controlado por Manuel García Pardo. Un movemento empresarial que ten lugar nun momento decisivo para a aprobación da gran megacelulosa en Palas de Rei.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/01/2025 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

Altri e Greenalia, a través de Smarttia, son unlla e carne nos seus negocios en Galicia. Greenalia é a unlla, o socio pequeno pero o dos contactos, e Altri, a carne, o músculo financeiro que quere crecer no país. Ambas as dúas empresas queren consolidar nesta terra un gran lobby empresarial co control de todo o ciclo da madeira e da industria, desde os montes de eucalipto á industria da transformación e produción de enrxía. E é aí onde a megacelulosa que queren facer en Palas de Rei é fundamental nesta estratexia.

Presenza de especies protexidas no lugar onde se pretende construír o complexo de Altri -Greenfiber en Palas de Rei
Presenza de especies protexidas no lugar onde se pretende construír o complexo de Altri -Greenfiber en Palas de Rei | Fonte: ADEGA

E neste marco enténdese os movementos económicos que están tendo lugar nos últimos meses en Greenalia. De feito, a portuguesa Altri acaba de dar un paso estratéxico importante no seu proceso de expansión no país ao asinar un acordo para a adquisición a Smarttia de Greenalia Forest, unha das principais empresas do sector forestal en Galicia, e de Greenalia Logistics. "Esta operación representa un fito significativo para a implementación de proxectos en curso e reflicte o compromiso de Altri co desenvolvemento sustentable e a valorización dos recursos naturais de Galicia", indica a empresa nun comunicado.

Unha compra estratéxica nun momento delicado cando a Xunta estuda, aínda, os informes de avaliación ambiental para a autorización da megacelulosa en Palas de Rei.  Con todo, a adquisición desta empresa aínda non está materializada e a empresa recoñece que  "está suxeita á verificación dunha serie de condicións previas". A compañía estima que este proceso estará completado a finais do primeiro trimestre de 2025, precisamente, cando tamén se saiba se a Xunta acepta o non o seu megaproxecto en Palas.

A multinacional portuguesa di que, así, quere manter a súa presenza en Galicia e "reafirmar o seu compromiso coa comunidade local e os seus socios", especialmente, en materia de xestión forestal, fundamental, para manter a engranaxe da macrocelulosa que quere instalar na Ulloa.  

OPERACIÓN GREENFIBER

Os intereses de Altri e Greenalia son os mesmos desde que ambas as dúas sociedades crearon Greenfiber SL, a empresa responsable do Proxecto Gama, cuxo principal obxectivo é crear a megacelulosa. Aínda que ten forma de sociedade limitada, non deixa de ser unha sociedade instrumental. Os portugueses poñen o 75% do capital e os galegos o 25% restante. Unha porcentaxe que cada vez se reduce máis coa compra, por parte de Altri, dos activos de Greenallia, cuxo principal accionista é Smarttia. Nesta sociedade Altri puxo 17,7 millóns e Greenalia, seis. En total 23,5, a pesar de que piden 250 millóns de fondos Next Generation para realizar o seu proxecto.

Manuel García Pardo, CEO de Greenalia e Smarttia co CEO de Altri, José Soares de Pina
Manuel García Pardo, CEO de Greenalia e Smarttia co CEO de Altri, José Soares de Pina | Fonte: ED

Smarttia é o principal accionista de Greenalia e cuxo dono, o multimillonario galego Manuel García Pardo, é unha das primeiras figuras chave para entender esta xogada macroeconómica en Galicia.  Aparece con 19 cargos diferentes en 13 empresas diferentes con negocios en plantas fotovoltaicas, eólicas terrestres e mariñas, así como de biomasa. Ademais da megacelulosa de Palas, está detrás da planta de xeración eléctrica con biomasa forestal máis grande do sur de Europa, en Curtis-Teixeiro, e os parques eólicos de Miñón, Alto da Croa e Monte Dourado.

 

GREENALIA- SMARTTIA

 

De feito, non son poucos os que cren que detrás da operación na Ulloa está García Pardo tras a reordenación que fixo de Greenalia hai dous anos por mor da opa que obrigou a esta empresa a deixar de cotizar en bolsa.  Entón, o CEO da enerxética, que incorporou como apoderado ao Banco Santander,  pasou a controlar o 94% de Greenalia a través de Smarttia, mentres que José María Castellano, presidente de Greenalia, o 6% restante.

 

Entre os cambios realizados, Smarttia absorveu parte das súas súas filiais con negocios moi concretos: Smarttia Real Estate, Smarttia Private Equity e Smarttia Infraestruture. Son empresas con distintos negocios, desde o inmobiliario ao enerxético. Pero a modificación máis relevante é a estatutaria. García cambia o obxecto social da compañía, ampliándoo e pasando a "toda clase de negocios relacionados coa adquisición, administración, participación, subscrición, tenencia, permuta, investimento e alleamento de valores mobiliarios nacionais e estranxeiros, tanto de renda fixa como de renda variable, todo tipo de préstamos e créditos, accións e participacións".

 

Pouco despois, Smarttia asumía o control de determinadas filiais até ese momento na órbita de Greenalia, entre elas, Greenalia Logistics, peza básica na estrutura empresarial. Precisamente, esta empresa é a que agora pasa a mans de Altri, xunto con Greenalia Forest, a división da empresa encargada do negocio da madeira. Un movemento máis na expansión empresarial de Altri-Smattia para controlar o sector madeireiro e enerxético en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta