Por Galicia Confidencial | Lugo | 12/03/2016 | Actualizada ás 09:00
O propietario do grupo Leite Río, Jesús Lence, quere que o Concello de Lugo modifique o PXOM ao seu antollo para legalizar a planta de Leite Río no Polígono do Ceao, sobre a que pesa unha orde de demolición ratificada polo Tribunal Constitucional.
Este venres, suliñou que xa presentou esta semana "un novo proxecto" no concello para tratar de legalizar a situación desta planta “Se hai vontade, queda tempo e tempo para liquidar esta situación”, manifestou. Neste escrito di que xa lle “aclara” ao goberno local "por que camiño pode ir", porque "o concello ten potestade para autorizar unha unidade de actuación puntual sobre eses terreos". “Pretendemos que o faga", manifestou.
Deste xeito, o empresario quere que o concello faga un apaño á lei para beneficialo. “A situación non está nada complicada, porque ata que chegue a orde de demolición por vía oficial poden pasar até seis meses, polo que queda tempo e tempo, se hai vontade, para que, de acordo co proxecto que se lle presentou esta semana, o Concello declare urbanizable a parcela", dixo.
E, para iso, Lence conta co respaldo do presidente da Xunta que este xoves era partidario, tal e como xa se fixo en Vigo con Citröen, de que se cambie o PXOM de Lugo. Por iso, o empresario usou a Alberto Núñez Feijóo como argumento. “As súas declaracións corroboran a opinión da Consellería de Medio Ambiente no escrito que lle enviou ao Concello de Lugo o pasado mes de maio, no que lle dicía que tiña que autorizar unha unidade de actuación co terreo necesario e imprescindible para legalizar a planta", indicou.
Desde o seu punto de vista, nesa comunicación, a Consellería "declaraba a leira de 90.000 metros cadrados", sobre a que se levantou a fábrica de Leite Río en 2004, como "urbanizable". Por iso, matizou que non se chegou a esta situación "porque Jesús Lence vaia por aí facendo o que queira", senón porque se lle dixo que si, que esa leira era urbanizable", porque o di "o plan xeral" e dino "os técnicos".
Pero as súas explicacións non convencen á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que aposta por "compaxinar a legalidade coa actividade económica". Por iso, que o goberno local e a asesoría xurídica estudarán "detallada e minuciosamente" a sentenza para "ver as opcións". En todo caso, afirmou que o Concello de Lugo e o goberno local sempre manterán o máximo "respecto aos procedementos".
Jesús Lence ameazou con deslocalizar a súa fábrica e levala a Madrid se non se pode legalizar a situación urbanística. Unha ameaza que, segundo afirmaron empresarios consultados, “acabe cumprindo” porque “está xa convencido de deixar Galicia”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.