O Bono Emancípate irá destinado aos mozos galegos que mercasen ou alugasen a partir do 31 de maio de 2024

O prazo de solicitude será do 6 de febreiro ata o 30 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2025 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este luns o novo 'Bono Emancípate', co que mozos de 18 a 35 anos poderán adquirir mobiliario e outros aveños necesarios nunha vivenda. Un dos requisitos é que a compra ou o aluguer se asinase con posterioridade ao 31 de maio de 2024. Trátase dunha liña dotada dun total de 2 millóns de euros que anunciou a fin de semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto do PP, e sobre o que este luns compareceu xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para ofrecer máis detalles.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este martes a convocatoria, que establecerá un prazo de solicitude entre o 6 de febreiro e ata o 30 de abril, salvo que se esgote o crédito con anterioridade. O conselleiro de Xuventude aclarou que se terá en conta a renda dos beneficiarios e que esta liña será compatible con outras axudas da Xunta para o acceso a unha vivenda. Estará dotada de 1.500 euros para os casos de aluguer ou de 3.000, para os de compra.

Consello da Xunta do 27 de xaneiro de 2025, presidido por Alfonso Rueda
Consello da Xunta do 27 de xaneiro de 2025, presidido por Alfonso Rueda | Fonte: XUNTA

Será un "cartón moedeiro virtual" que se poderá gastar en calquera comercio e que "en principio" será físico. Entre os requisitos para percibila, están estar empadroado no domicilio, contar cun contrato de aluguer e uns ingresos dun máximo de tres veces o IPREM. Este límite ascende a catro veces o IPREM se se conta cunha discapacidade e a cinco veces se a discapacidade é superior ao 33 por cento. En concreto, segundo detallou López Campos, poderanse comprar mobles, artigos decorativos, aveños de baño, produtos téxtiles e "certos electrodomésticos esenciais". O bono tamén servirá para pagar gastos de xestoría e notaría necesarios para adquirir ou rentar a casa, así como outros derivados da mudanza.

"UNHA INICIATIVA PIONEIRA"

"É unha iniciativa pioneira a nivel estatal, xa que Galicia é a primeira comunidade en pola en marcha", destacou o conselleiro, quen insistiu en que a medida busca "un futuro mellor" para a mocidade galega. Segundo datos que ofreceu, a taxa de emancipación dos mozos en España está situada no 17 por cento, mentres que na Unión Europea está "por enriba do 32 por cento". A principal causa é o incremento dos alugueres e do prezo da vivenda, que "segundo a fonte que se consulte está entre o 12 e o 14 por cento" en 2024. Así mesmo, empregou datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para advertir que, nos últimos cinco anos, a vivenda pasou "de ser o problema número 18 a ser o primeiro" en todo o Estado. "Creo que a Xunta, tendo en conta esa sensibilidade e realidade, leva anos traballando en políticas para incentivar o acceso á vivenda", asegurou.

"EXECUTAR CONSELLO A CONSELLO"

Durante a comparecencia, a prensa preguntou ao presidente da Xunta sobre o incremento do prezo da vivenda protexida, despois de que o PP rexeitase a semana pasada unha iniciativa da oposición no Parlamento galego respecto diso. Alfonso Rueda reivindicou as medidas adoptadas polo seu Executivo para contrarrestar este encarecemento, por exemplo "favorecer ao máximo a colaboración público-privada para que haxa máis vivenda e a prezo máis alcanzable".

De feito, lembrou que "hai dúas semanas" o Consello da Xunta aprobou incrementar o limiar de renda máxima para acceder a unha vivenda pública "para que máis persoas se poidan beneficiar". E é que o seu, engadiu, é "un goberno preocupado" por este tema fronte ás "ideas" que "pode ter" a oposición. "Hai dúas maneiras de encarar o gravísimo problema da vivenda: teorizar, facer anuncios que nunca se cumpren; ou executar Consello a Consello, que é o que estamos a facer nós", resolveu o presidente.

VIVENDAS PÚBLICAS EN NAVIA, VIGO

Precisamente, a reunión do Goberno galego deste luns autorizou un novo contrato da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) referido ao proxecto para construír 55 casas de promoción pública no barrio vigués de Navia. Esta licitación, que rolda os 440.000 euros, inclúe a redacción do proxecto básico e do de execución, así como a dirección de obra para estas novas vivendas, garaxes, faiados e locais na parcela MV-4 do polígono 2 de San Paio de Navia. En total, hai neste barrio 755 vivendas públicas en marcha en distintas fases de execución.

Por outra banda, o Consello da Xunta acordou este luns declarar no concello das Neves unha nova área de rehabilitación integral (ARI), que permitirá facilitar a rehabilitación de inmobles e acometer obras de urbanización e reurbanización. Esta ARI constará de dúas zonas diferenciadas cun total de 138 vivendas en 123 edificios. Unha das zonas está dentro do chan urbano que delimita o plan xeral de ordenación municipal (90 edificios con 113 vivendas), mentres que a outra recolle o núcleo do barrio da estación de tren, na parroquia de Santa María das Neves (33 edificios con 25 vivendas).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta