Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2025 | Actualizada ás 12:08
Nin "consenso", nin "man tendida". Os argumentos utilizados pola Xunta para tentar convencer á oposición das bondades da nova lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, coñecida como lei dos medios públicos de Galicia ou da CRTVG, non chegaron a ningures. Sobre todo, polo grave cruce de acusacións entre o PP e BNG e PSdeG a conta dunha lei que para os segundos é un "atentado contra a liberdade de información" e para os primeiros un "novo modelo de medios públicos". Con todo, a lei segue a súa tramitación da Cámara ao ser rexeitadas polo PP as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, así como o texto alternativo que defendían os nacionalistas.
"Manipulación, vergoña, aberración". Socialistas e nacionalistas rexeitaron de plano esta nova lei que cren que é unha norma que nace para darlle un "maior control" dos medios públicos. O vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, defendeu que esta norma busca evitar situacións de "interinidade indefinida" na dirección da corporación e "adaptarse aos novos tempos". Unha norma que cambia a elección do futuro director xeral do ente público e que, a partir de agora, será designado polo PPdeG con maioría absoluta e non polas tres quintas partes da Cámara, como antes.
ELECCIÓN DO DIRECTOR XERAL
Segundo recolle o proxecto desta lei, o Consello de Administración da CRTVG será elixido por maioría de dous terzos dos deputados galegos. De non chegar a consenso, repetirase a votación un mes despois coa esixencia dunha maioría de tres quintos. Tanto neste caso como no do Consello Asesor de Participación Social, a maioría esixida será reforzada.
Con todo, a nova norma rebaixa a esixencia de maioría reforzada para a elección do director xeral. Aínda que se contemplan dúas votacións iniciais iguais, de non chegar a consenso poderase elixir por maioría absoluta simple no seguinte pleno para "evitar situacións de interinidade indefinida"."E un deses retos é liderar a transición tecnolóxica, pero manténdose fiel e blindando a súa principal razón de ser: a defensa da identidade de Galicia, a promoción e difusión e impulso da lingua galega, sempre desde a pluralidade que debe caracterizar aos medios públicos", destacou. "Ofrecemos a man tendida o consenso nesta nova lei para a elección dos seus órganos", dixo Calvo.
MANIPULACIÓN
Uns cambios que para a oposición siginfican aumentar a "manipulación" dos medios públicos. Así o entenderon tanto a socialista Silvia Longueira como a nacionalista Olalla Rodil que rexeitaron esa "man tendida" por estar "envelenada". "Non lle interesa o consenso, senón poñer a unha persoa afín como foi sánchez Izquierdo (director xeral da CRTVG) desde o 2009. Unha persoa elixida a dedo que sirva de correa de transmisión do PP nos medios públicos", dixo a deputada do BNG. "Fixeron da CRTVG unha caverna na que o único que prima é a manipulación e, agora, queren poñern en mans amigas privadas as producións audiovisuais", engadiu Longueira.
Ambas as dúas deputadas tamén se lembraron dos traballadores do ente público que levan desde o 2018 manifestándose nos chamados 'venres negros' e que iniciaron unha folga hai tres meses en contra desta norma que "cercena os seus dereitos fundamentais". "Esta lei mina os dereitos de participación dos traballadores", indicou Rodil. "Isto é unha involución democrática que atenta contra eles", sinalou Longueira.
Ademais, nacionalistas e socialistas criticaron que esa nova norma cercene os dereitos do galego, xa que, o ente público poderá utilizar outras linguas diferentes ao galego na emisión de productos audiovisuais. "Isto é alucinante. Atenta contra os principios fundacionais da CRTVG", criticou Rodil. "Todo se fará en galego excepto cando se trate de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia no exterior", defendía hai uns días sobre esta cuestión o presidente da Xunta.
PROTESTAS DOS TRABALLADORES
Precisamente, con motivo do debate concentráronse ante a Cámara galega traballadores da CRTVG, que reclamaron uns medios públicos ao servizo dos galegos e rexeitaron a "manipulación" na Radio Galega e a TVG. Xunto a eles puidéronse ver aos deputados do PSdeG, entre eles o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
AUDIOVISUAL
Coa nova lei, a CRTVG pasará a denominarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e terá entre as súas obrigacións a de "liderar a alfabetización mediática e dixital", en colaboración co sistema educativo, para promover o uso responsable da tecnoloxía, estimular a conciencia crítica e facilitar o recoñecemento de noticias falsas.
Ademais, a lei "compromete aos medios públicos como promotores e difusores da produción audiovisual galega", aposta pola produción propia e crea un Consello Asesor de Participación Social e Profesional integrado por 15 membros, dos que 9 serán elixidos por maioría cualificada no Parlamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.