Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/02/2025 | Actualizada ás 15:35
1.300 millóns para atraer talento investigador e xerar unha economía en torno ao I+D+I, especialmente, en materia de Intelixencia Artificial, Biotecnoloxías, tecnoloxías profundas (deeptech), tecnoloxías limpos e ciberseguridade. Ese é o obxectivo do novo plan galego de Innovación de Investigación da Xunta que presentaron este luns o presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Un novo plan que inclúe, dúas novidades importantes con respecto a plans anteriores; a posta en marcha dunha política activa para atraer talento investigador a Galicia e o impulso de plans locais de I+D+I. Para o primeiro, a Xunta quere crear unha fundación, na que tamén estén implicado o sector universitario e investigador de Galicia, para "atraer talentos de todo o mundo". Segundo especificou Román Rodríguez, a intención é que esa fundación sexa pública. "Queremos escoitar á sociedade científica e abrir unha nova porta que terá un gran impacto en Galicia", dixo dun órgano do que non especificou nada máis.
A preguntas dos medios, o conselleiro detallou que "a idea inicial" é que esta entidade sexa pública e puxo como exemplo a Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados (Icrea). Aínda se están iniciando os trámites administrativos e xurídicos para definir o seu encaixe antes de levala ao Consello da Xunta. Así mesmo, Rodríguez avanzou a continuidade do programa 'Oportunius', que permite a investigadores que obtiveron unha das bolsas europeas ERC traballar en Galicia, tras a "satisfactoria experiencia" dos últimos anos.
PLANS LOCAIS DE I+D+I
Sobre o segundo, dixo que se trata d impulsar os plan locais de I+D+I con mesas locais de innovación. "É unha idea que xorde en Galicia para trasladar a innovación e investigación ao mundo local", engadiu. Sobre este punto, o conselleiro tampouco avanzou moito máis.
"Temos unha folla de ruta e xa cos programas anteriores o nivel do retono foi moi elevado", dixo Román Rodríguez aludindo ao programa Oportunius, que con 13 millons de investimento, captou 90 millóns "e moitos postos de traballo". Con todo, evitou dar cifras de retorno económico deste plan. Iso si, o obxectivo, sinalu, é "igualarnos a outros países europeos punteiros en investigación e innovación".
"Pisar máis a fondo o acelerador porque para que unha sociedade avance é necesario investir en ciencia", dixo Rueda sobre esta nova estratexia que ten tres patas; a biotencoloxía, a IA e intelixencia cuántica e a enerxía limpa. "O Obxectiva é captar talento de todo o mundo e conseguir unha axeitada e real transferencia de coñecemento para que o tecido económico funcione mellor", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.