Altri ou outra vaca no millo

Xosé Benito Reza, exdirector xeral de conservación da natureza durante o bipartito analiza neste artigo as implicacións sociais e medioambientais que vai supor para Galicia a instalación dunha megacelulosa en palas de Rei.

Por Galicia Confidencial | Celanova | 08/02/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Anda estes días a conselleira de medio ambiente, a señora Ánxeles Vázquez, alporizada pois di que os seus funcionarios están a soportar unha situación inxusta e que mesmo non poden durmir pola presión que lles está a meter o partido maioritario na oposición a conta do proxecto da macrocelulosa de ALTRI.

Infografía do proxecto de fábrica de Altri
Infografía do proxecto de fábrica de Altri | Fonte: GREENFIBER - Arquivo

Pois ben, o que eu penso (e moitos outros tamén) é que o problema pode ser xusto o contrario: que os seus funcionarios, algúns antigos compañeiros meus, deben estar moi preocupados e seriamente afectados porque os políticos que nos gobernan están decididos a aprobar, contra vento e marea, un proxecto que presenta numerosas incertezas e que é un máis que importante desafío ambiental para o país; o que levou ao Consello da Cultura Galega, órgano que asesora á Xunta de Galicia, a descualificalo. Porque é obvio que se a Xunta de Galicia non estivera absolutamente decidida a aprobar este perigoso proxecto (unha bomba de reloxería ambiental no corazón de Galicia, dixo alguén) lle houbera dado carpetazo as primeiras de cambio tendo en conta as deficiencias, incoherencias e lagoas que traía o tal proxecto cando o presentaron; e punto final.

Pero non foi así, e por iso a Xunta está a pedir información adicional e a darlle facilidades á empresa para que esta intente axustar o proxecto á normativa medioambiental e aos criterios que lle marquen os técnicos, os “técnicos especialistas”, que di a conselleira. E porque a empresa, que é punteira no seu campo e de seguro conta con bos profesionais nos seus cadros de persoal, o que quere é seguridade e un futuro sen altercados nin catástrofes ambientais, e tamén cobrar as cuantiosas axudas públicas que seica precisa.

Pero o que, neste caso particular, agrava realmente o problema, son as extraordinarias dimensións desta macropasteira que pretenden instalar nas terras da Ulloa e que se nos antolla, á vista das súas necesidades, insaciable e voraz; e, en consecuencia, as enormes emisións que se van producir tanto á atmosfera como ás augas do río Ulla, nunha zona que é unha feliz excepción no decadente e cada vez máis fantasmal mundo rural da Galicia interior.

E por esa razón o principio de precaución que debe rexer na toma de decisións en todas as políticas medioambientais e de protección da saúde pública aconsella desbotar o proxecto e elixir o que en avaliación ambiental se denomina “alternativa cero”; tendo en conta, repito, o severo e moi significativo risco ambiental que presenta, e tamén que moita xente non está disposta a aceptar que a Galicia interior se converta en pouco tempo nun eucaliptal pirófilo e desapareza a súa biodiversidade.

E un remata por preguntarse, tristemente, por que narices temos que aceptar un proxecto foráneo tan agresivo e que ameaza o xeito de vida de tantas persoas, dende os gandeiros da Ulloa ata as mariscadoras da ría de Arousa. E non serán quen de traer de verdade algo así de potente pero novidoso, sostible, eficiente e respectuoso co territorio e os seus habitantes, que axude ao mundo rural a levantar cabeza?... Ou estamos a falar de novo do que aquel pequeno gran home chamado Isaac Díaz Pardo definía, á vista dos moitos excesos que se cometeron no pasado en Galicia, como a colonización do país?...

Xosé Benito Reza, exdirector xeral de conservación da natureza

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lad

Altri non Rueda porcón.

1 lad

Altri non Rueda porcón.