Es artista e gustaríache actuar en Allariz na Semana Santa?

O concello vén de publicar as bases para participar no seu exitoso ciclo "Semana Santa ao Vivo" para este 2025. Desenvolverase durante os días 17, 18, 19 e 20 de abril.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 07/02/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Área de Promoción Económica do Concello de Allariz abriu o prazo de inscrición para artistas que desexen participar no programa cultural da "Semana Santa ao Vivo 2025".

Unha das actuacións da 'Semana Santa ao Vivo' 2023. Foto: Comunicación do Concello de Allariz.
Unha das actuacións da 'Semana Santa ao Vivo' 2023. Foto: Comunicación do Concello de Allariz.

O devandito programa ten xa unha traxectoria e vaise consolidando cada ano aumentando a oferta de artistas que se presentan. Esta proposta cultural desenvolverase entre o 17 e o 20 de abril nas rúas do casco histórcico de Allariz, escenario que acollerá a artistas de diferentes disciplinas como poden ser a música, a danza, a maxia, o humor ou o teatro. 

O feito de que Allariz reciba miles de turistas durante as vacacións de Semana Santa fai que a proposta escénica sexa moi atractiva tanto para veciñas, veciños e visitantes, como para os propios artistas podendo das a coñecer as súas as súas interpretacións e as súas execucións musicais. 

Unha vez inscritas e aceptadas as diferentes propostas, a organización decidirá coas persoas seleccionadas os días e lugares de actuación, sendo encaixables en horario de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 20:00 h.

Este proxecto cultural abrangue sobre todo música nos seus variados estilos, mais tamén outras disciplinas artísticas susceptibles de realizarse na rúa, como danza, espectáculos de maxia ou teatro, entre outras. Unha das condicións é que os artistas ou compañías artísticas teñan entidade xurídica ou social.

SOBRE AS BASES DE PARTICIPACIÓN

O prazo para anotarse os/as artistas estará aberto ata o 3 de marzo ás 14:00 h. e a inscrición deberá realizarse enchendo o documento de inscrición xunto coa instancia xeral e remitilos por rexistro na Sede Electrónica do Concello de Allariz ou de maneira presencial nas dependencias municipais dando rexistro a súa inscrición.

A maiores, a través do correo electrónico dinamizacioneconomica@allariz.gal deberase remitir o xustificante de rexistro máis o formulario de inscrición anexo e material gráfico e audiovisual do participante. A selección, realizada baixo criterios obxectivos e atendendo á calidade, profesionalidade e pluralidade de estilos, será comunicada ás persoas inscritas a través de correo electrónico o día 11 de marzo de 2025.

No que respecta ás contraprestacións, as persoas seleccionadas recibirán unha prestación económica de 200 € por persoa (IVE incluído) e non se pagarán dietas nin desprazamentos. Se houbese que suspender o evento por mor das condicións climatolóxicas ou outros imprevistos, a organización comprométese a pagar 75 € por persoa como compensación.

As BASES completas están publicadas no taboleiro de anuncios da web do Concello de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta