Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/02/2025 | Actualizada ás 10:30
Galicia enfróntase como sociedade e como país a unha situación de perda paulatina de peso político, demográfico e económico. Dende hai décadas o noso país veu perdendo paseniñamente peso en tódolos sentidos. En primeiro lugar Galicia non participa hoxe dos grandes debates políticos e económicos, non estamos presentes no debate do financiamento, tampouco no debate da organización territorial, aínda menos nos debates que se dan fora do contexto español, comezando polo noso inmediato e tan necesario contexto europeo. A nosa clase política renunciou a reivindicar as potencialidades que ten e promove cada día a sociedade galega, este “apoliticismo” pretendéusenos vender como a “estabilidade” ou o “modelo galego”. Fronte a esta desidia polas cousas públicas e o bo goberno a oposición galega presentou durante estes anos una folla de ruta baseada na asunción de axendas políticas foráneas, fundamentalmente a axenda “progresista” implementada dende Madrid polo goberno de Pedro Sánchez, a nova esquerda de Yolanda Díaz e os denominados “soberanismos de esquerdas”. Isto convida a una reflexión dende o país, como cidadáns preocupados polo futuro da nosa comunidade política, dos nosos intereses sociais e culturais e cunha ambición económica conducente a poñer a Galicia no rumbo da produtividade a xeración de emprego e a influencia política necesaria para nos fortalecer como país, como sociedade e como economía.
Non podemos xerar una sociedade próspera sen política, a política non ten nada a ver coas sucesión de espectáculos mediáticos aos que nos teñen acostumados os políticos profesionais de Madrid e os seus aliados. A política tal e como a entendemos dende Coalición Galega supón un exercicio de estudo, escoita e análise das demandas sociais e dos déficits da xestión pública e económica para abordalos e corrixilos en aras de xerar prosperidade económica, autoestima social e influencia política. Se Galicia non é influínte, ou se se quere decisiva nos grandes debates do noso tempo non teremos capacidade de atinar en todos os obxectivos propostos previamente. Coalición Galega propón neste camiño sermos capaces de superar a política da teatralidade e o confronto escénico cos que a clase política nos ten entretidos, mentres falan dos seus problemas persoais, das súas arelas e frustracións non abordan os grandes retos nacionais que hoxe ten Galicia. Isto comprométenos a traballar por rearticular unha forza política galega, no senso de obedecer só ao mandato representativo do conxunto da sociedade galega, sen afáns fragmentarios nin dogmáticos, encamiñar nas institución a voz dos sectores produtivos do país, ser os valedores da economía galega, do emprego e da dinamización equilibrada tanto da nosa capacidade empresarial, como da iniciativa dunha sociedade perfectamente capacitada para xerar emprego nas 53 comarcas do país.
A partir desta lectura a refundación e renovación profunda do proxecto de Coalición Galega ven xustificado en primeiro lugar pola renuncia do Partido Popular en Galicia a desenvolver una política que se axuste aos intereses, sociais e económicos da sociedade galega. Estamos ante un partido que perdeu por completo a súa vontade “popular”, converténdose nun proxecto encamiñado a manter os seus nas institución, sabedores de que non teñen competidores políticos. Antes Feijóo, e agora Rueda gobernan contra os intereses de Galicia con pouco disimulo. As repetidas maiorías do PP en Galicia responden a comprensíbel desconfianza da nosa sociedade cara una oposición que se presenta ante nós, dunha banda como os máis submisos seguidores da axenda personalista de Pedro Sánchez, e doutra como imitadores da axenda política do soberanismo catalán e do abertzalismo vasco. Unha oposición que practica un discurso e una praxe completamente arredada dos intereses galegos e un partido de goberno que perdeu a P de “popular” e o G de Galicia, debuxan un escenario de progresivo encollemento político dun país que socialmente está preparado para converternos nunha euro-rexión próspera de Europa ao nivel de Holanda ou Baviera.
Coalición Galega é pois una proposta política galega, en sentido amplo, que aspira a representar os intereses de todos os galegos que queiran ter futuro na súa terra. Unha alternativa que bebe dos fundamentos ideolóxicos do galeguismo histórico, pero que non recunca en discursos do pasado. Coalición Galega olla confiada cara o impulso dunha sociedade perfectamente capacitada para nos poñer a cabeza de Europa. O noso partido é optimista por definición co futuro do noso país, pois acreditamos que as capacidades e a intelixencia social do noso pobo está por riba da desidia dos nosos políticos. Nese sentido rexeitamos o sucursalismo, non por dogmatismo ideolóxico, se non por confianza na nosa xente. Somos o partido da Galicia adulta, deses galegos e galegas que prosperaron polo mundo adiante e que ergueron Galicia aquí na Terra. Cando nos definimos como una forza galega, facémolo con convicción pois entendemos que os nosos representantes deben ir as institucións a traballar por quen lles vota e non polos seus xefes políticos, xustificando cada manobra dos seus candidatos á Moncloa ou dos seus aliados para a política europea.
Somos en segundo lugar una forza humanista que acredita profundamente no modelo de convivencia europeo no que o obxecto da política é a preservación da liberdade e a dignidade da persoa humana. Cremos nunha política na que a cerna e condicionante de tódalas nosas decisión sexan as persoas de Galicia e o seu benestar. Sabemos perfectamente que a fórmula para xerar sociedades libres e prósperas é a democracia liberal e apostamos decididamente por ela. Somos o partido que defende a iniciativa social, e polo tanto o partido dos emprendedores galegos. Daqueles empresarios que levan a marca do país polo mundo adiante, daqueles outros que manteñen con vida as comarcas do país e tamén daqueles outros que queren comezar un proxecto emprendedor. Defenderemos aos nosos autónomos. Esta reflexión lévanos a enunciar una vontade política de ser un partido político eminentemente xuvenil. Coalición Galega ten historia e participou do gobernode Galicia, sendo a primeira forza galeguista en levar a voz do país a Madrid con Senén Bernárdez e en gobernar cos pés na Terra e as lealdades todas co noso pobo. Hoxe o Tripartito, así como centos de experiencia de goberno municipal permanecen selectivamente esquecidas coa colaboración de uns e outros, conscientes do perigoso que resultaría a articulación dun gran espazo central da política en Galicia inspirado nos valores do galeguismo histórico e da política construtiva. Nin ao PP, nin ao Bloque da esquerda lle interesa una política de centro e co centro de decisión en Galicia, por que son sabedores das vontades que arrastraría, do apoio social que tería e de que para eles a súa comodidade estática tería rematado.
Coalición Galega, é una forza galeguista que non se arroga en exclusividade a idea de Galicia. Somos sabedores de que o país só lle pertence aos cidadáns e non aos partidos, pero que dende valores de centralidade política, fondamente demócratas e humanistas aspira a potenciar cando nos é propio e nos axuda a ter máis autoestima como sociedade. Somos una forza coherente e leal a Galicia, nunca coperaremos no adelgazamento do noso autogoberno como fan o PP e o PSOE pola vía dos feitos, tampouco cooperaremos polo noso talante moderado a exportar a Galicia axendas e discursos artificialmente calcados da extrema esquerda vasca e o independentismo catalán e mesmo da nova esquerda española. Acreditamos nunha política de centro, co centro de decisión na Galicia, moderada e equilibrada a hora de pactar e dialogar, pero convencidamente ambiciosa a hora de situar a Galicia na axenda política.
Nos nosos principios políticos é perentorio propoñer un novo proxecto de país, que ten a vocación de se ir ampliando e engrosando coas demandas territoriais de todos e cada un dos concellos de Galicia. A idea “coaga” de Galicia non fica reducida ao ámbito da comunidade autónoma, temos a ambición de participar da política española defendendo o peso de Galicia, con lealdade pero non con submisión. Seremos contundentes a hora de levar a voz do país a Madrid, e calquera votos, afinidade ou apoio só virán condicionados polo sentir maioritario da sociedade galega e pola defensa do noso tecido económico e das inversións en Galicia. Somos un partido con cintura para pactar e acordar sempre e cando o nome de Galicia esté presente nos documentos a rubricar. Temos ambición tamén de que Galicia sexa relevante no contexto europeo. Boa parte do financiamento provén de fondos europeos, e dende Coalición Galega pensamos que estes fondos e esta inversión deben de ser investidos con sentido de país, axustándose as nosas demandas e polo tanto deben ser integramente xestionados polo goberno galego.
“Europa, sí, pero a vaquiña polo que vale”. Galicia é absolutamente europea —nunca foi outra cousa— e o Camiño de Santiago foi columna vertebral de Europa pero non ignoramos que a UE ten agora 27 estados membros e cada vez está máis volcada cara o leste. Por unha banda, no pasado, aportounos moitos fondos; pola outra, algunhas das súas políticas son negativas para Galicia tanto no agro como na pesca e na industria e iso non o podemos admitir. Tampouco concordamos coa idea das smart cities que se nos quere impoñer antidemocráticamente porque a nosa xeografía é distinta: poboamento disperso e grandes manchas urbanas, case como se toda Galicia fora unha cidade ainda que moi espallada.
Somos un partido que acreditamos no rol das institución e das políticas públicas, pero entendemos que quen xera a riqueza é a sociedade, a función dos gobernos, municipais, nacionais ou estatais é favorecer a xeración de riqueza, emprego e prosperidade; non abafala, condicionala e dificultala. Os gobernos poden incentivar, acompañar e fomentar, mais non suplir a sociedade e ao tecido produtivo do país.
Acreditamos nunha política inspirada no consenso e a cooperación entre institución a tódolos niveis, e poñemos o acento moi especialmente na autonomía local. Os alcaldes e alcaldesas de Coalición Galega serán activos na defensa do correcto financiamento dos concellos, institución próximas ao contexto inmediato dos cidadáns e prestadoras de servizos fundamentais aos veciños. Somos una forza seria e rigorosa que acredita nos gobernos estables e respectuosos cos veciños, desprezamos profundamente a política do menoscabo, do insulto e do espectáculo. Temos un alto concepto das responsabilidades políticas. Os alcaldes e deputados de Coalición Galega saberán estar a altura da educación e o talante dos seus veciños. Defendemos que nas eleccións locais os veciños e veciñas elixan directamente ao seu alcalde con nome e apelidos.
Dende Coalición Galega temos conviccións pero non obsesións. Estamos comprometidos con transformar a política provincial, poñéndoa ao servizo das comarcas e os municipios, as Deputacións teñen que ser entidades transparentes e cooperadoras a hora de favorecer o desenvolvemento municipal equitativo. Somos un partido que acredita na forma de vida galega, expansiva e descentralizada, onde todos ven un problema, porque conciben a política de xeito centralista no eixo centro-periferia, nós vemos unha oportunidade xa que concibimos a ordenación territorial nunha estratexia en rede como nos países centroeuropeos máis desenvoltos. Os coagas apostamos polo tren, e promoveremos coas nosas acción una rede ferroviaria de proximidade que progresivamente vaia conectando as cabeceiras de comarca, sendo una oportunidade para a nosa economía e tratando de imitar aos países máis prósperos de Europa.
Para nós é fundamental, á hora de facer que Galicia vaia a máis, a conexión co norte portugués, continuación natural do noso País, así como aproveitar as sinerxías sociais, económicas e lingüísticas.
Dende Coalición Galega asistimos optimistas ao enorme impulso do eixo Atlántico galego, que de seguro irá a máis, abandonando una lóxica de suma cero nunha competencia pechada encol das sete cidades Galegas, se somos quen de abrir as nosas comunicación e infraestruturas cara Portugal, Asturias e León, o norte de Europa e o Atlántico. Mais tamén asistimos preocupados ao esmorecer do eixo oriental galego, Ourense e Lugo, así como as comarcas interiores da provincia de A Coruña e Pontevedra. Todo iso esixe una política de infraestruturas e de promoción económica encamiñada a artellar e interconectar o eixo oriental co eixo occidental ou Atlántico e ao país no seu conxunto coas economías circundantes. A este enfoque démoslle en chamar unha “visión integral de Galicia” que requirira de grandes investimentos no territorio. Estes só se poderán lograr dende una política que faga a Galicia decisiva, dentro e fora do noso territorio.
Nesa idea ambiciosa de Galicia, nesa lealdade a nosa sociedade e os seus intereses, sen tutelas de ningún tipo, ofrecémoslle a sociedade galega un gran espazo central dende o cal centrar a política na nosa Terra. A Galicia que acredita nas cousas ben feitas terá en nós unha forza fiel a Galicia, a liberdade das persoas, á prosperidade económica e social do noso pobo e ao fortalecimento do noso autogoberno en España e en Europa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.