Ciberacosadores: os monstros invisibles da Internet

Os datos e as conclusións sobre o ciberacoso a menores son arrepiantes. As maneiras de comezar o acoso son tan diversas como as persoas que están detrás desa acción. A hiperconectividade dos menores á rede aumenta o risco de sufriren ciberacoso mesmo de quen crían seus amigos ou persoas en quen podían confiar. A pesar de levarmos trinta anos conectados, avanzouse pouco na prevención e coidado da xente nova, mais si se avanzou en novas aplicacións e plataforas que amplían as maneiras de vulnerar a integridade moral, psicolóxica e física dos nosos menores

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Detido un veciño de Asturias por ciberacoso a menores tras denuncia das nais de dous nenos en Pontevedra. GARDA CIVIL
Detido un veciño de Asturias por ciberacoso a menores tras denuncia das nais de dous nenos en Pontevedra. GARDA CIVIL

COMO É O AGRESOR E COMO É A VÍTIMA?
A resposta máis simple é: todos e todas. O anonimato que permiten as redes, mesmo suplantando identidades, transformounos a todos e a todas en potenciais acosadores e acosadoras. O mesmo sucede co lado contrarios, calquera pode ser vítima do acoso desde a Rede. Que significa isto? Pois que “calquera pode ser acosador” como di Manoli del Palacio, psicóloga e orientadora. Se nalgún tipo de delitos as autoridades poden perfilar quen pode ser o autor ou autora, no caso da Internet non existe un perfil, pode ser calquera, e isto inclúe aos e ás compañeiras de aulas.

A internet está sacando o noso lado acosador? Non se pode responder de maneira categórica a esta pregunta, mais si podemos dicir que o ciberacoso é moi doado. Se falamos de acoso entre menores, a maioría de adolescentes que acosan a algún compañeiro ou compañeira poden alegar que non caen na conta de que as súas accións teñen consecuencias. Tamén se recorre á postura de “son cousas de nenos, non é para tanto”, etc. “Estas posturas e respostas non valen”.

Pola súa parte, o mozo ou moza acosada reacciona maioritariamente con medo, silencio e vergoña. Así, diante dunha repetición continua no tempo de accións intimidatorias dentro das redes vai mostrando a desigualdade de forzas entre quen acosa e quen é acosado. Hai unha busca permanente de menosprezar á persoa mesmo retirándolle a súa condición de persoa dentro da Internet. Danse casos tan graves como a suplantación de personalidade collendo ou pirateando as contas doutras persoas e desde aí iniciar o acoso contra o auténtico posuidor da conta e tamén contra outras persoas.

RISCOS
Existen unha serie de factores de risco que poden poñer en perigo a integridade psicolóxica e mesmo físca da persoa acosada. Segundo o informe 'Derechos #Sin Conexión' da ONG Save the Children, existen uns factores de risco que poñen en perigo aos adolescentes e menores ante o ciberacoso. O primeiro é a 'vulnerabilidade emocional na adolescencia' ligada á formación da identidade persoal e social do adolescente que reflicten no uso das redes sociais.

Informe Ciberacoso. UNIR - Arquivo
Informe Ciberacoso. UNIR - Arquivo

'Deshumanización', ligada ao anonimato e que permite a interacció de maneira diferente a como o farían en persoa. Neste punto, as redes serven como elementos onde expresar pensamentos sobre as persoas que logo non mostraría en nunha interacción persoal. Un insulto, un comentario sobre o aspecto físico, etc., pode aparecer na rede social de turno mais a moza ou mozo que o dixo non sería capaz de reproducilo cara a cara.

'Soidade' porque moitas veces a interacción cibernética faise mediante aparellos electrónicos sen necesidade de contacto físico coa outra persoa. A soidade pode traducirse na falta de resposta da persoa acosada porque non sabe a quen recorrer, isto debido á perda de habilidades sociais que pode traer o illamento cibernético.

Por outra parte, se o mundo online está funcionando 24 horas seguidas, é moi posible que os usuarios máis novos acaben entrando en webs pornográficas, tomándoas como “referentes de educación sexual”. O acceso aos sitios porno pode ser fonte de “contactos non desexados” cando se interactúa mediante chats con descoñecidos. Isto pode traer o perigo de hackeo e a partir de aí o uso das redes sociais do adolescente para controlar onde está e o que fai. E por último, o risco de quedar nalgún lugar con alguén descoñecido e co risco que pode supoñer isto.

QUE FACER?
Actualmente, Galicia conta co 'Protocolo Educativo para a Prevención, a Detección e o Tratamento do Acoso e do Ciberacoso Escolar', onde se especifican unha serie de puntos para a actuación fronte estas situacións.

En primeiro lugar, coa vítima. Debe garantirse a protección, seguridade e apoio emocional mantendo, modificando ou ampliando as medidas máis inmediatas de protección. Traballar o reforzo da autoestima para eliminar o sentimento de culpabilidade e traballar a comunicación asertiva así como as habilidades sociais. Isto necesita de titorías individualizadas para tratar o estrés postraumático incluíndo a derivación a servizos sanitarios se fose necesario. Reforzar os vínculos cos grupos de amigos e amigas do centro e a separación do grupo acosador (se a vítima pide o contrario non se fará).

Segundo. Os agresores recibirán actuacións educativoas para a mellora da convivencia no centro. Asistirán a titorías individualizadas ademais de iniciar un procedemento corrector. Por outra parte, é necesario deixar claro que non se tolerará ningunha conduta contraria á convivencia ademas de que o agresor reflexione sobre as súas accións e reparar o dano feito. Incluirase a este menor en programas de colaboración, cooperación manexo e control da agresividade e da ira, así como as habilidades sociais e a empatía.

Por outra parte, os expertos consideran fundamental que durante o proceso de formación do profesorado exista unha área onde aprendan ferramentas psicolóxicas para afrontar este tipo de situacións, mesmo para evitar riscos potenciais de acoso.

Manoli del Palacio, psicóloga
Manoli del Palacio, psicóloga
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta