Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/03/2016 | Actualizada ás 12:15
Os gandeiros de Lugo aumentaron a súa produción de leite en febreiro para poder facer fronte aos numerosos créditos e prestamos bancarios que teñen pedido.
Así, o pasado mes a produción creceu un 2% en relación con xaneiro, un incremento que é moito máis notable se se compara coa produción rexistrada en febreiro do pasado ano, dado que aumentou ao redor dun 5%.
Segundo o director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, trátase dun repunte da produción que supera mesmo a tendencia á alza dos últimos meses e que tamén é unha consecuencia da difícil situación que atravesa o sector, dado que ante a ausencia de beneficios, increméntase a produción para facer caixa e conseguir diñeiro co que facer fronte aos créditos que soportan moitas explotacións.
"É unha fuxida cara adiante que pode acabar nunha reconversión brutal no sector lácteo, porque a día de hoxe non hai indicios que permitan pensar nunha saída máis ou menos rápida á crise que atravesa o sector lácteo", advirte.
Así, Fouz destaca que segue habendo moitos excedentes no mercado internacional, como consecuencia do incremento da produción e da redución do consumo, pero tamén faltan mecanismos de regulación.
Leche Río
Por outra banda, o propietario do grupo Leite Río, Jesús Lence, aclarou que a súa empresa só deixará de recoller a produción de "sete ou oito gandeiros" que durante a actual campaña láctea tiveron problemas para alcanzar os "mínimos de calidade" que establece a propia industria.
"Leite Río leva moitos anos recollendo leite en Galicia. Estamos a apostar polo futuro da gandaría e da industria", dixo e insistiu en que este tipo de movementos "non son negativos, como insinúa Unións Agrarias, senón "positivos".
En declaracións a EFE recollidas por varios medios, Lence cualificou como "falsa" e como "información envelenada" a denuncia que fixo o sindicato Unións Agrarias, que acusou o grupo Leite Río de iniciar unha "campaña salvaxe de abandono de produtores en Galicia". Este empresario ameazou con levar as súas fábricas a Madrid tras unha sentenza do Tribunal Constitucional que considera ilegal a planta que ten no polígono do Ceao, en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.