Máis dun cento de persoas claman en Pontevedra contra o "espolio da terra"

Aseguran que se trata dunha "fraude" coa que "reafirmar a súa vontade clara e inequívoca de burlar as decisións xudiciais e esquivar as paralizacións cautelares de proxectos eólicos" e piden un novo plan eólico.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/02/2025 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

Máis dun cento de persoas concentráronse en Pontevedra para denunciar que o novo plan eólico anunciado pola Xunta é unha "fraude" coa que "reafirmar a súa vontade clara e inequívoca de burlar as decisións xudiciais e esquivar as paralizacións cautelares de proxectos eólicos". Na protesta, convocada pola coordinadora Eólica Así Non, celebrada este domingo na Praza da Peregrina participaron colectivos veciñais afectados por polígonos eólicos proxectados no Monte Castrove, o Monte Xiabre, a Serra do Suído e a dorsal do Morrazo.

Así, contaron co apoio da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (Apdr) e estiveron presentes o deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Figueira; e, entre outros, o portavoz socialista en Poio, Gregorio Agís. Os participantes na protesta portaron diferentes pancartas con lemas como: "Eólica si pero non así", "Non ao parque eólico do Castrove", "Non ao espolio dos nosos montes", "SOS Caroi" e "Nin espolio nin depredación, enerxía eólica sustentábel, xusta e galega".

Durante a concentración coreáronse consignas como 'Os montes son nosos e non dos mafiosos', 'Enerxía galega, ganancia madrileña' e 'Coa nosa terra non se xoga'. Eólica Así Non rexeitou a tramitación dun novo plan eólico por parte do Goberno galego "sen suspender antes todos os proxectos eólicos e liñas de evacuación que se atopan en tramitación, ou que foron autorizados recentemente e non executados". Para os colectivos que integran a plataforma, unha nova planificación do sector terá que "vir da man dunha necesaria moratoria das instalacións eólicas" tramitadas ou pendentes de execución.

Ademais, acusaron á Xunta de "censura e represión" ao anunciar que "excluirá das mesas de diálogo social ás organizacións ecoloxistas e a todas aquelas entidades veciñais e sindicais críticas co espolio eólico do país". Tamén cualificaron ao Executivo autonómico de "autoritario" e de mostrar "de modo repulsivo e inmoral" a súa ofensiva contra os tribunais que deteñen preventivamente "aqueles proxectos eólicos que mostran indicios de ilegalidade". Fronte ao "alarde da súa política da imposición" que "deixa totalmente indefensas ás poboacións afectadas por esta invasión eólica", o manifesto de Eólica Así Non criticou que a Xunta "lles concede ás eléctricas o dereito a volver tramitar ducias de proxectos eólicos que agora están paralizados preventivamente".

COLECTIVOS AFECTADOS

En representación de Eólica Así Non, Lúa Gándara adiantou que proximamente se porá en marcha un 'crowdfunding' para reunir fondos cos que afrontar a loita social contra os aeroxeradores proxectados no Monte Castrove, onde se reduciu de catro a tres o número de proxectos. Os veciños afectados están a reunir documentación histórica coa que probar a existencia dun Camiño Real entre os mosteiros de Poio e Armenteira.

No caso de O Suído, Javier Blanco explicou que hai nove parques eólicos proxectados que suman uns 200 muíños, aínda que actualmente o polígono de Carballoso atópase paralizado ante os informes negativos das autoridades ambientais. Ademais, nesa zona está "pendente de alegacións" a creación da mina de litio de Doade, pertencente á localidade ourensá de Beariz, que abarcaría tamén municipios pontevedreses limítrofes.

Á concentración en Pontevedra sumáronse representantes de colectivos do Morrazo que, posteriormente, reuníronse ante o concello de Marín. "É o terceiro intento para instalar parques eólicos nesta zona", precisou Ramón Millán en declaracións a Europa Press. Trátase dunha "ameaza moi potente", engadiu, que "prexudica" a unha poboación duns 88.000 habitantes pola "escasa distancia" con respecto aos núcleos habitados.

Concentración convocada por Eólica así non en Pontevedra
Concentración convocada por Eólica así non en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta